A alcaldesa e o presidente da Autoridade Portuaria analizan a situación do Porto de Marín e das empresas ante a crise do Covid19

A alcaldesa e o presidente da Autoridade Portuaria analizan a situación do Porto de Marín e das empresas ante a crise do Covid19

O Porto de Marín é, sen dúbida, un motor económico moi importante para toda a contorna e, en consecuencia, un actor fundamental para o desenvolvemento económico e laboral da nosa vila e de gran parte da comarca.

A alcaldesa, María Ramallo, e presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa, mantiveron esta mañá unha reunión para analizar o termómetro do recinto portuario e a súa situación nestes momentos, tamén moi complicados para o tecido económico do Porto.

Tal e como foi exposto na reunión, desde a declaración do Estado de Alarma a práctica maioría das empresas pertencentes a diversos sectores seguiron traballando, cumprindo coas máximas condicións de seguridade, incluso naqueles casos nos que a súa implantación non foi sinxela pola natureza das actividades a realizar.

No que respecta aos sectores loxísticos, de transporte marítimo, ás empresas do sector frigorífico e a toda a cadea de procesado puideron continuar coa súa actividade, implantando aquelas medidas que se ían esixindo para garantir a saúde en todo momento.

A flexibilización de horarios e a estruturación do traballo en quendas obrigou a baixar o ritmo nalgunhas empresas, coma no caso dos estaleiros, ou a realizar un parón da actividade temporal, como no caso de Gonvarri, que xa está de novo funcionando.

A actividade ligada á pesca fresca foi a que máis notou o impacto da crise sanitaria, sobre todo no referido ás empresas transformadoras dos departamentos de exportación de peixe e marisco fresco. Este maior impacto ten que ver co peche da hostalaría e da restauración, que impide sacar este tipo de produto que non é tan consumido a nivel doméstico. Aínda así mantívose a actividade de venta na lonxa como servicio esencial, adoptando medidas extraordinarias de seguridade e desinfección diarias.

A alcaldesa considera “moi importante poder contar cun polo loxístico como o Porto de Marín” durante a etapa de transición económica e de desescalada que imos vivir nos próximos meses. “O Porto é un xerador de emprego e de riqueza, polo que facilitará moito as cousas a pesar de que os ciclos económicos a nivel nacional e internacional se vexan afectados”.

Segundo lle trasladou o presidente da AP á rexedora, o Porto adoptou unha serie de medidas económicas, como a flexibilización na tramitación de taxas ou a axilización dos pagos a proveedores ademáis do traballo desenvolto pola AP para aplicar sen demora tódalas medidas de apoio a empresas autorizadas por Puertos del Estado. Ademais, grazas a estas medidas as empresas que residen en chan portuario poden situarse nunha posición competitiva de cara a seguir desenvolvendo os seus plans de futuro.

Tamén a propia AP mantén a planificación que tiña deseñada para continuar executando as obras e melloras nas súas instalacións, liderando a este motor económico “que non parou en todo este tempo a pesar de todas as dificultades polas que estamos pasando e polas que pasaremos no futuro máis inmediato, o que supón un enorme balón de oxíxeno para a economía da nosa comarca, derivada da actividade portuaria”, remata Ramallo.

A alcaldesa aproveitou para transmitirlle a Jose Benito Suárez o agradecemento do Concello de Marín tanto á Autoridade Portuaria, como ás empresas do porto e a tódolos seus traballadores “polo gran esforzo realizado para manter as diferentes actividades que permitiron a continuidade da cadea loxística que abastece os mercados para os consumidores”.

Anterior Os vendedores de excedentes de produto agrícola volven á actividade con medidas de prevención

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados