Contacto | Tel.:986 88 03 00

A Biblioteca Municipal acolleu máis de 140 novos socios durante o 2020

30 decembro 2020

A Biblioteca Pública Vidal Pazos deu de alta durante o 2020 a un total de 142 novos socios, 37 mulleres e 105 homes, segundo os datos recollidos no balance do ano que fixo a institución cultural municipal, que tamén notou de xeito significativo o impacto da pandemia no seu funcionamento.

Durante este ano, incorporáronse ademais 276 libros, 189 dos cales son en lingua galega. No que respecta ao número de préstamos, os usuarios adultos realizaron un total de 3010 préstamos e os infantís, 982. É dicir, en total caso 4.000 títulos foron prestados desde a biblioteca pública marinense durante o presente ano.

A automatización e a modernización do catálogo informático da biblioteca tamén deu un importante pase adiante, coa informatización de 40.218 títulos que se catalogaron dixitalmente.

Tal e como indican desde a Biblioteca, o que baixou considerablemente respecto a balances doutros anos por razóns obvias foron as actividades realizadas, que se reduciron a 2 contacontos e a 9 exposicións, e o número total de visitantes, de quedou en 20.150 persoas.

O peche durante o confinamento e as restricións de aforo limitaron tamén moito as posibilidades da sala de estudo, que aínda así se mantivo activa nos momentos no que as normas o permitían, cun intenso protocolo de hixiene e desinfección que evitou calquer tipo de contaxio na instalación.

 

Un ano de iniciativas

Aínda que a pandemia reduciu considerablemente as actividades e outras posibles accións que a Biblioteca leva a cabo noutros anos para dinamizar culturalmente á vila e para aportar opcións de ocio, si que se levaron a cabo novas iniciativas vía online.

Exemplo disto foi o programa #QueLeMarín?, que supuxo a publicación en redes sociais de 6 recomendacións literarias realizadas polo persoal da Biblioteca, que podían ser prestadas de xeito telemático en formato ebook, e que permitiron que a veciñanza tivese multitude de opcións á hora de elixir con que libro, con que historia, querían ocupar as horas libres.

Por outra banda, mantivéronse esas exposicións relativas aos días sinalados no almanaque, como por exemplo a última que se realizou polo Día Da Filosofía, na que se expuxeron algúns dos títulos máis relevantes desta disciplina no hall.

Finalmente, tamén foi este o ano da renovación estética da sala infantil, que conta agora cuns vinilos decorativos nas súas paredes que teñen como protagonista a un mozo Gago de Mendoza, que goza de diversas aventuras inspiradas nos clásicos da literatura infantil.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies