A recta final das obras de mellora enerxética no CEIP O Carballal marcará o inicio do curso para o día 16 de setembro

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Ares, visitaron esta mañá as instalacións do CEIP O Carballal, no que se están ultimando as obras de rehabilitación enerxética, executadas pola Consellería de Educación por un importe de 656.817,04 euros.

Esta importante actuación suporá a mellora da eficiencia enerxética para o centro educativo, incluíndo o illamento exterior da fachada, instalando ademais novas ventás e persianas e reparando e pintando os paramentos interiores.

A pesar do bo ritmo que levaron os traballos desde o seu inicio, e que están enmarcados no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas de Galicia 2016/2021, as circunstancias propias dun ano tan complexo coma este fixeron que os prazos de finalización da mesma sexan algo máis dilatados, debido á necesidade que houbo de cumprir e adoptar todos os protocolos de limpeza, hixienización e prevención da Covid19.

Debido a isto, a alcaldesa da vila adiantou durante a visita que se posporá uns días o inicio de curso neste centro escolar, concretamente até o 16 de setembro, coincidindo coa volta ás aulas do alumando de Educación Secundaria. Esta reincorporación dos escolares do Carballal tamén será progresiva e está previsto que a próxima semana se lle remita toda a información correspondente ás familias.

Ademais, tal e como adiantou a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, o centro escolar ten todo xa preparado para que cando arranquen as clases no centro tamén o fagan dous dos servizos que presta, o Plan Madruga e o comedor. En todo caso, a demanda de ambos viuse reducida por mor da situación sanitaria, o cal, á súa vez, permitirá que se poña en marcha con máis facilidade ao ter un número de nenos usuarios menor.

Todas as actuacións combinadas que se están a executar no marco das obras suporán un aforro enerxético anual para o centro dun 24,19% en consumo de enerxía primaria e dun 26,52% en emisións de CO2, e redundará nun maior confort térmico para esta comunidade educativa.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies