Contacto | Tel.:986 88 03 00

Aprobada definitivamente a delimitación do núcleo rural de Candóns, en Santomé de Piñeiro

Recentemente, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra aprobou definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín, relativa á delimitación do núcleo rural de Candóns, situado na parroquia de Santomé de Piñeiro. Esta aprobación chega despois de que o pasado ano a sesión plenaria celebrada no mes de abril dese luz verde a esta modificación puntual do ordenamento.

Os núcleos rurais serven para dar soporte a un asentamento de poboación singular que cumpre cunha serie de requisitos, como acontece con Candóns. A publicación do BOPPO recolle, ademais, cales son aqueles usos permitidos neste núcleo, que son: residencial, instalacións agrícolas, instalacións gandeiras, pequeno comercio, establecementos públicos e oficinas; talleres domésticos e artesáns ou almacéns de servicio, turismo rural, uso público e institucional e usos deportivos ao aire libre ou cubertos, vinculados ao uso residencial.

Con respecto ás condicións estéticas, será obrigado que tanto as novas construcións como as ampliacións das existentes “manteñan as condicións ambientais e a tipoloxía das edificacións” que xa existen no lugar, “utilizando para iso os materiais propios da zona”, coa finalidade de harmonizar a paisaxe.

De xeito concreto, esíxese que o tamaño das novas edificacións sexa parello “ás proporcións das edificacións tradicionais, salvo as grandes construcións e edificios públicos ou singulares”. Con respecto ás fachadas, manteranse ao aire aquelas que sexan de pedra e os revestidos serán pintados, prioritariamente, de cor branca.

Coa delimitación de Candóns como núcleo rural, Marín conta xa con 55 espazos rurais semellantes en toda a localidade, algúns deles incluso divididos en varias áreas debido á súa extensión.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies