Contacto | Tel.:986 88 03 00

As hortas urbanas do Sequelo, un modelo de economía sostible que colleita éxitos entre a veciñanza

A sostibilidade, a economía circular, a reconexión coa natureza e a produción autóctona, ademais da actividade física e a dinamización son algúns dos beneficios que aportan as hortas urbanas do Sequelo, un espazo ecolóxico e de integración social que colleita grandes éxitos entre a veciñanza.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, quixo facer un “moi bo balance” do primeiro ano que se levan traballando estes espazos desde que se realizou o último sorteo das 71 parcelas, que agora poderán ser explotadas polos seus actuais propietarios durante catro anos.

“Esta foi a maior novidade que introducimos no anterior sorteo, porque antes o máximo era de dous pero entendíamos que unha horta traballada requería de máis tempo”, asegura a edil.

Estas 71 parcelas, ademais, están divididas segundo distintos grupos sociais de tal xeito que todo tipo de perfís poidan optar a traballar algunha delas. Así, existen:

  • 40 hortas para persoas xubiladas ou pensionistas
    • 15 hortas para persoas en paro que non reciban prestación por desemprego
    • 12 hortas para a veciñanza en xeral
    • 4 hortas para persoas con discapacidade (≥33%) ou que demostren intolerancias químicas.

Traballar por un Marín máis verde e máis ecolóxico forma parte dos obxectivos do Concello e por iso, ademais de ampliar os anos para os beneficiarios das hortas, a vila sumouse á compostaxe como mellor forma de tratar os residuos orgánicos.

Un deses composteiros comunitarios instalouse, precisamente, ao lado das hortas urbanas do Sequelo, para pechar un círculo medio ambiental sostible que quere servir de modelo para impulsar economías máis respectuosas coa contorna e que redunden en beneficios para a cidadanía de Marín.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies