‘Edukasano’ inicia a súa andaina coas reunións de traballo cos centros educativos da vila

31 maio 2021
Educar en hábitos saudables á infancia e á mocidade resulta clave na prevención dos problemas de saúde derivados do sedentarismo e dunha alimentación inadecuada, xa que pode contribuír a xerar cambios non só nos propios alumnos e alumnas, senón no conxunto da comunidade.
Esta idea constitúe o punto de partida do proxecto Edukasano, que o Grupo de Investigación en Educación, Actividade Física e Saúde (Gies-10) desenvolve ao abeiro dun convenio de colaboración co Concello e Marín e que se centra no desenvolvemento dunha intervención educativa preventiva, baseada no exercicio físico e na alimentación saudable, que se levará a cabo en todos os centros educativos, desde infantil a bacharelato, desta localidade.
Despois da súa presentación no Concello de Marín, cando se rubricou o convenio de colaboración entre a administración local e a académica, iniciáronse as reunións cos diversos centros educativos da vila que participarán do proxecto.
“A idea é promover hábitos saudables entre a poboación a través da escola, utilizando metodoloxías activas e baseándonos nas características da contorna dos nenos e adolescentes”, salienta a catedrática Margarita Pino, coordinadora deste grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Co obxectivo de acadar que nenos e nenas “adquiran unha capacidade crítica para elixir estilos de vida saudables”, como destaca o grupo Gies-10 na memoria do proxecto, Edukasano buscará implicar tamén a profesorado, familias e ao propio tecido asociativo e produtivo marinense.
A idea é actuar sobre o que se define como “comunidades de aprendizaxe”, explica Pino, que salienta que o proxecto parte do interese do Concello de Marín por tratar de dar resposta a unha problemática, “que non é exclusiva” do municipio, como é a “baixa alfabetización en saúde” da infancia e mocidade e a “falta de motivación do alumnado de secundaria”, un dos factores que inflúen no abandono escolar. De aí que o proxecto comprenda o deseño dunha serie de proxectos educativos que fomenten “unha aprendizaxe funcional”, relacionada “con algo que viven na súa realidade cotiá”, como serían neste casos as cuestións vinculadas coa saúde.

Poden os nenos influír na súa contorna?
O proxecto Edukasano ten como obxectivo “avaliar a efectividade dunha intervención comunitaria a través dunha metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS)” que contribúa a incrementar o coñecemento “sobre a orixe de determinadas enfermidades, como a diabetes ou a obesidade” e a mellorar “os hábitos de vida relacionados coa prácticas de actividade física e unha dieta equilibrada”.
O propósito é que as accións que se leven a cabo nos diferentes centros ao longo do vindeiro curso contribúan a que nenos e nenas adquiran hábitos saudables que contribuirán ao seu “desenvolvemento físico, mental e social” e á prevención de enfermidades, mais tamén analizar como os menores poden á súa vez influír “no propio contexto familiar e comunitario”.
De feito, como salienta o grupo Gies-10, existen moitos estudos que abordan a influencia da familia nos hábitos dos nenos e nenas, “pero son escasas as investigación sobre a influencia das demandas de saúde dos fillos no contexto familiar e no seu grupo de iguais”.

Primeiro paso, a diagnose
Co obxectivo de deseñar unha serie de programas baseados no “contexto social e medio ambiental” marinense, o proxecto abrangue en primeiro termo unha “avaliación diagnóstica” que permita coñecer “a situación actual dos hábitos de alimentación e actividade física e as variables psicolóxicas asociadas a patróns de estilos de vida saudables” da poboación escolar do municipio.
Nesta fase realizaranse unha serie de cuestionarios “a todo o alumnado de Marín que queira participar, así como a profesores e familias”, así como grupos de discusión e a análise dos contidos curriculares relacionados con estas temáticas e dos “recursos da comunidade que poidan entorpecer a adopción de estilos de vida saudables”.
Co propósito de obter a colaboración do profesorado na recollida de datos e de dar a coñecer o proxecto, investigadores do grupo GIES-10, xunto coa concelleira de Educación, Marián Sanmartín, mantiveron nos últimos días unha serie de xuntanzas cos responsables dos diferentes centros educativos.

Propostas específicas para cada etapa
Partindo desta diagnose, os investigadores e investigadoras do grupo Gies-10 deseñarán unha serie de “proxectos educativos, adaptados ás diferentes etapas”, co propósito de que poidan pórse en marcha nos 13 centros educativos do municipio. Deseñarase propostas específicas para educación infantil, para os diferentes ciclos de primaria e secundaria e para bacharelato, que estarán á súa vez relacionadas coas competencias incluídas nos currículos de cada etapa.
“En infantil, traballarase fundamentalmente coas artísticas e culturais, a creatividade, a imaxinación e adaptabilidade…; mentres que en primaria centraranse sobre todo nas competencias lingüísticas; en secundaria nas socioemocionais, e en bacharelato, nas competencias dixitais”, explica Pino. Todo eles basearanse en “deseños interdisciplinares de tarefas, adaptados ao Concello de Marín”, que abrangan “un amplo abano de actividades complementarias e extracurriculares” que promovan a participación de toda a comunidade educativa na súa xestión e organización.
De feito, como salienta a catedrática, será o profesorado dos diferentes centros o que decida “que proxectos se desenvolven” ao longo do vindeiro curso, para finalmente completar o proxecto cunha fase de avaliación, dirixida a estudar os efectos xerados por este programa no conxunto destas “comunidades de aprendizaxe”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies