Selecciona idioma: Galego | Castelán

Inicio AlcaldíaAtención a cidadaníaConcelleríasConcelloFarmacias de gardaGalería de fotosHistoria e evolución de MarínOrdenanzas municipaisPraiasVodas

Os Muíños en Marín


 

Atravesado por dous importantes cursos de auga, o Concello de Marín conta cun  elevado número de muíños hidráulicos que o converteron na zona de moenda máis importante do Morrazo.

O río Lameira ou Lameiriña, que nace en Castiñeiras, recibe a aportación do seu  principal afluente, o río da Grela, discorre por terras de San Xulián de Marín de Arriba e acaba vertendo ó mar en pleno centro urbano de Marín. Dispersos polas súas beiras atopamos unha ducia de muíños, polo regular en estado de abandono, e dos que quizais o máis coñecido sexa o Muíño do Valado que está a ser restaurado polo Concello de Marín para ser incorporado á ecorruta do Morrazo.

O río Neibó-Loira, o outro do Concello, e o máis importante da comarca. Nace na Cruz da Maceira, recibindo os primeiros aportes hídricos do chamado Ollo da Moscosa e pouco a pouco vaise convertendo no río Neibó despois de recibir augas de pequenos regatos como o río do Pozo ou o río Cadadeiro. Xa no seu derradeiro tramo recibe o nome de río Loira o aporte do seu principal afluente, o río das Gorgadas, que ven de Pastoriza e das Gaibas (Ardán). No seu percorrido atravesa as parroquias de Santomé de

Piñeiro, Santa María do Campo, Nosa Señora do Carme de Seixo e Sta. María de Ardán, para desembocar finamente na praia de Loira.

Nos aproximadamente 8 km. do río Neibó-Loira atopamos máis de medio cento de muíños, os que hai que engadir outra media ducia do seu principal afluente,  converténdoo no potencial centro etnográfico de toda a bisbarra. Ó igual que acontece co Lameiriña, no Loira está sendo rehabilitado polo Concello o Muíñio de Lisado

ou Cagote, para incorporalo a ecorruta.

 

Cronoloxía dos muíños

Probablemente xa houbese muíños no Concello de Marín, pero será a partires do século XVII coa introdución do millo (procedente de América) que se adaptara perfectamente as Rías Baixas, con copiosas colleitas que suporán un incremento da produción cerealística que levara a que o número de muíños hidráulicos se multiplique  considerablemente. Polo tanto, debemos situar a gran maioría dos muíños

existentes nos ríos marinenses no século XVIII e, fundamentalmente, no século XIX, con posteriores modificacións e reformas.

Hoxe xa só media ducia están en disposición de moer e practicamente xa non hai ningún que o faga con asiduidade. Entre as causas que puideron provocar este abandono están a chegada das muiñeiras eléctricas, moito máis funcionais e manexables, e a incorporación ó mundo do consumo onde se prefire mercar a fariña e o pan xa  elaborados.

 

Propiedade dos muíños

Fundamentalmente en Marín predominan os muíños chamados de herdeiros propiedade de varias persoas que se reparten as horas de moenda e que teñen a súa fronte o cabezaleiro, que se encarga das pequenas reparacións que deben facerse, da custodia da chave, etc. Outro grupo de muíños son de particulares, dun só dono. Por último, atopámonos cos muíños de maquía, que moen para a xente de fora a cambio dunha porcentaxe de fariña (a maquía) e máis tarde pro pago en metálico.

 

Tipoloxía e feitura dos muíños

Tódolos muíños que atopamos no Concello, salvo algunha excepción, son de dos tipos

chamados de canle (cando a auga chega ó muíño directamente a través dunha "canle"), e de cubo (cando a auga é acumulada nun "cubo" a entrada do muíño para que actúe con maior presión).

De planta máis ou menos rectangular, muros de pedra (mampostería rústica ou sillares ben traballados), cuberta de tella sobre madeira a unha ou dúas augas, conforman a

feitura dun muíño tipo nesta zona.

 

Muíños máis destacados

Ademais dos dous xa citados que forman parte da ecorruta do Morrazo, podemos destacar polo seu tamaño os muíños de Don Benito e o de Maduro, os dous na parroquia do Campo, e que contan con tres mós cada un.

Moi preto deles, tamén no Campo, o Muíño do Buraco, que pasa por ser o máis pequeno e que foi feito no oco que proporcionaron dous grandes cons. O Muíño de Montes (Sta. María do Campo) é un dos que conta con dúas plantas: a superior era a vivenda, e na inferior estaba o muíño.

Vivenda tamén tiñan (ou polo menos vivían nel) o Muíño de Franco (en Loira) e outro chamado tamén Muíño de Montes (en Santomé de Piñeiro), adicados os dous a maquía. Outro curioso era o Muíño Albeiro (no Campo), que recibía este nome por estar adicado exclusivamente a moer trigo.

O  Muíño de Rosalino (Esperela - Santomé de Piñeiro) que moe con auga do afluente chamado do Pozo, é o máis novo de todos (ano 1945) e conta con materiais de construción como o cemento e o ladrillo.

 

Concello de Marín - Avda de Ourense s/n Tlf: 986 88 03 00 Fax: 986 88 20 13