Marín-Guadalajara: 850 km en bicicleta para visibilizar as Enfermidades Inflamatorias Intestinais

Marín-Guadalajara: 850 km en bicicleta para visibilizar as Enfermidades Inflamatorias Intestinais

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e outros representantes do Concello recibiron hoxe pola mañá a Víctor Loira, Ángela Paz e Tita García, membros da directiva da Asociación Sociosanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados de Pontevedra (Asseii).

O motivo foi a presentación do novo reto que fará Víctor, veciño de Pardavila, que despois de dar a volta a Galicia en bicicleta e en patinete o pasado verán para loitar pola visibilización das EII, volve pedalear agora para viaxar desde Marín ata Guadalajara. Os obxectivos son os mesmos: conseguir sensibilizar á sociedade sobre a importancia de cubrir as necesidades deste colectivo, como son os aseos adaptados (actualmente en Galicia xa hai máis de 30) ou a dispoñibilidade de enfermeiras estomaterapeutas nos centros sanitarios.
A saída do reto será desde a Alameda Rosalía de Castro o venres, 27 de setembro, ás 19.00 horas, para despois facer unha nova saída ás 20.00 horas desde Pontevedra. Serán oito días de traxecto, que culminarán o 3 de outubro, Día Mundial do Ostomizado, en Guadalajara.


A elección da cidade destino non é azarosa. “Despois dunhas reunións en Madrid, coñecemos a dúas persoas, unha das cales está pasando por un cáncer e está nun mal momento, e foi quen me retou a chegar ata Guadalajara”, contou esta mañá Víctor. Ademais, ao motivo emocional, súmase outro, que é o proxecto de creación dunha federación estatal de pacientes ostomizados, con sede na cidade castelá, “coa que poidamos ir a Europa”.
Pontevedra, Ourense, Palencia, Valladolid e Segovia son as paradas que se irán facendo ao longo do reto, parando nas áreas sanitarias, nas que Víctor deixará un escrito aos seus responsables para trasladarlles as necesidades que teñen aqueles que padecen dunha EII.
“A finalidade”, segundo apunta Asseii, “é a de sensibilizar ás administracións públicas e á sociedade en xeral das dificultades que temos como colectivo”. Pola súa parte, o Concello de Marín, a través da alcaldesa, mostroulle a Asseii todo o seu apoio e espera que con este reto “que traspasará as fronteiras de Galicia”, tamén haxa máis visibilidade.
“O exemplo de Víctor ensínanos que ter unha enfermidade así non te impide facer unha vida normal”, reflexionou a rexedora durante a rolda de prensa, que avanzou que o Concello está a organizar unha proxección do documental que Asseii gravou durante a volta a Galicia de Víctor, que se presentou a pasada semana no Teatro Provincial de Pontevedra, patrocinado por Janssen.
Durante o traxecto, Víctor contará ca compañía de dous rapaces novos que tamén teñen unha ostomía “e no traxecto de Segovia a Guadalajara irei cun triatleta para olímpico”, do que toda vía non queren desvelar o nome.
Ademais do patrocinio do concello marinense, o reto conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, de GESTO (Casa de Ostomías Hollister) e da empresa distribuidora de probióticos, Nutribiótica.

A ruta
A partir da saída de Marín, Víctor Loira irá en dirección Soutelo de Montes, recorrendo 47 quilómetros de distancia.
A segunda etapa, levarao ata O Barco de Valdeorras, fronteira entre Galicia e Castela e León. Un percorrido de 170 quilómetros. Os mesmos que percorrerá durante a terceira etapa, na que atravesará Ponferrada e Astorga.
Na cuarta etapa, que se desenvolverá o 30 de setembro e que ten unha lonxitude de 174 quilómetros, Víctor comezará a visita polos hospitais:
Hospital Universitario de León – 08.50 horas
Hospital General de Río Carrión (Palencia) – 14.30 horas
Hospital Universitario Río Hortega Valladolid – 18.30 horas
O 1 de outubro, o vicepresidente de Asseii percorrerá 150 quilómetros e fará paradas nos seguintes centros sanitarios:
Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid – 08.50 horas
Hospital General de Segovia – 14.30 horas
Finalmente, o 2 de outubro Víctor fará sobre a bicicleta 140 quilómetros, que o levarán a pasar por:
Hospital General de Segovia – 08.30 horas
Hospital Universitario de Guadalajara – 14.30 horas
Unha vez en destino, o 3 de outubro, celebrarán o Día Mundial do Ostomizado, onde se realizará un acto conxunto coa Asociación de Ostomizados de Castilla La Mancha.

Lerase un comunicado e realizarase un percorrido pola exposición sobre ostomías, “Heroes e heroínas”, do Proxecto GESTO.
Durante o reto, Víctor contará co apoio loxístico de seis persoas, voluntarias de Asseii e de Asampo (Asociación de Amigos da Pontevedrada). Ademais, a Policía Local acompañarao na saída de Marín, ata o punto de encontro con Estribela.

Anterior O Concello presenta cursos de formación en cuestións de xénero dirixidas a todas as asociacións de mulleres

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados