Marín recicla máis e mellor, cunha redución drástica da súa porcentaxe de impropios

26 xaneiro 2021

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, mantivo esta semana unha reunión con representantes de Ecoembes para avaliar a situación do Concello en canto á recollida selectiva de residuos, unha actividade esencial para o coidado do noso medio e para a consecución dunha vila sostible e activa na defensa do clima.

O balance, tal e como lle trasladaron desde Ecoembes á concelleira, é “moi bo”, xa que se nota unha importante tendencia á alza no número de veciños e veciñas que apostan pola reciclaxe e que o fan dun xeito correcto.

Segundo indican os datos, no 2011 a porcentaxe de impropios que existía, é dicir, dos residuos que non se poden botar nos colectores amarelos e que afectan á calidade da reciclaxe de envases lixeiros, era do 65%. “Isto supoñíanos penalizacións ao Concello por parte de Ecoembes pola mala utilización que se facía destes colectores”, explica a concelleira.

Despois de facer campañas de concienciación cidadá e ir mellorando o servizo, esa porcentaxe baixou en 2016 ata o 45% e agora, cos datos do 2019 na man, compróbase unha nova baixada ata o 20%. “Isto demostra que os colectores nos que investimos na nova licitación resultaron efectivos e queremos agradecer tamén á sociedade marinense a súa implicación por reciclar cada vez máis e mellor”, afirmou a edil.

Por outra banda, tal e como se comentaba ao inicio, a tendencia xeral da aposta pola reciclaxe é moi ascendente. Por tipo de residuos, gaña con creces o aumento da reciclaxe do papel e do cartón, que con respecto aos últimos anos aumentou case un 90%. Comparando só os datos do 2019 co 2020, pasouse de reciclar 221.358 quilos a 348.060.

“Unha das cousas que máis axudou a este aumento tan significativo é a dotación que fixemos en practicamente todas as illas do colector de papel e cartón”, argumenta Sanmartín.

No que respecta ao colector amarelo, a tendencia tamén é positiva, pasándose dunha recollida de 438.977 quilos no 2019 a 490.610.

Estes datos teñen a súa orixe no traballo diario que desde o Concello se vén realizando para mellorar as índices de recollida selectiva, poñendo en marcha, entre outras cousas, campañas de concienciación á cidadanía, tamén durante eventos grandes como as festas da localidade, e facilitando a recollida no canal Horeca e nos edificios institucionais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies