Marín volve presentar candidaturas para a Rede de Sendeiros Azuis

Marín volve presentar candidaturas para a Rede de Sendeiros Azuis

O Concello de Marín vén de presentar un ano máis as candidaturas da Ruta das Praias, a Ruta dos Cinco Miradores e a Ruta Montes e Praias como Sendeiros Azuis. Esta distinción outórgaselles aos itinerarios que enlazan praias ou portos con Bandeira Azul e que contribúen, positivamente, ao uso sostible do litoral.

No caso da vila marinense, as tres candidaturas xa contaron este pasado ano ca catalogación de “Sendeiro Azul”, que aporta a ADEAC co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Para o Concello, supón un recoñecemento ao traballo en mellorar e coidar este patrimonio litoral, segundo explicaron fontes municipais esta mañá.

Ademais, estes sendeiros, como é o caso da Ruta das Praias, supoñen un enorme atractivo turístico, dado que no seu percorrido pásase por puntos de interese como o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor, o peirao de Aguete, a fábrica de salgadura de Loira ou a illa do Santo, ca súa antiga capela.

No caso da Ruta dos Cinco Miradores, os camiñantes poden atravesar lavadoiros e fontes singulares, típicas da arquitectura rural e patrimonial de Marín, como o da Moreira, ou cruceiros de enorme beleza, entre os que destacan os de Sete Espadas ou o de Areosa. O Monte Penizas e o Castro da Subidá tamén son dous puntos interesantes dentro do percorrido da ruta.

A Ruta dos Montes e Praias nace da demanda da veciñanza de poder contar cunha opción máis larga e que combine estes dous ecosistemas, dos que o concello marinense pode presumir.

Limpeza e mantemento do Viario de Praias

Conseguir distincións como as bandeiras e os sendeiros azuis ten detrás moito traballo de conservación, mantemento e limpeza das rutas, para que sempre se atopen no mellor estado posible.

Precisamente hoxe deron comezo os traballos, por parte da Fundación Juan XXIII, de limpeza e acondicionamento do viario de praias, que supuxeron o corte ao tráfico de 09.30 a 13.30 horas, unha restrición que se manterá mañá.

Anterior Humanización da Rúa Camiño Vello de Seixo para o 2020

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados