Contacto | Tel.:986 88 03 00

O campo de fútbol do Estadio Municipal de San Pedro contará cun novo céspede sintético de última xeración

O Concello de Marín procederá, nos vindeiros días, a licitar a renovación do céspede do terreo de xogo do campo de fútbol do Estadio Municipal de San Pedro, ademais doutras actuacións dentro do mesmo proxecto.

No que respecta ao céspede, será substituído por un sintético de última xeración ao que se lle realizará un lastrado con area de sílice e caucho. Se ben as dimensións do terreo sufrirán unha insignificante redución para adaptarse ás distancias das pistas de atletismo (renovadas hai un par de anos), o campo seguirá permitindo a práctica de fútbol 11 e de dous partidos simultáneos de fútbol 7 en campo corto.

En canto ao equipamento, a novidade será que as porterías de fútbol 7 serán pregables, con recollida na barandilla que arrodeará o perímetro do xogo, segundo as distancias homologables.

O céspede colocarase sobre a base de asfalto existente tras realizar as oportunas nivelacións, necesarias en distintas zonas do actual terreo de xogo. Ademais, mellorarase a rede de rego engadindo cañóns de aspersión de auga de tipo emerxente.

Dentro do proxecto, está incluída a demolición da grada descuberta, que pasará a ser parte do céspede, de tal xeito que este terreo gañado poida ser destinado ao quentamento para os diferentes deportes. O muro de lonxitude desa mesma zona será tamén demolido, pero substituído por outro a base de formigón armado.

O orzamento que se destinará á execución deste proxecto será de 430.455,07 euros (IVE incluído).

O Estadio Municipal de San Pedro é unha instalación deportiva tremendamente utilizada por diferentes entidades de Marín, tanto de fútbol como de atletismo. Uns 250 usuarios utilizaban diariamente, antes do inicio da pandemia, esta infraestrutura. E despois de 10 anos, cando se colocou o primeiro céspede, é o momento da súa renovación.

Con este novo proxecto, o estadio contará cun aspecto máis moderno e actual e redundará sen dúbida no beneficio dos clubs deportivos de Marín. Ademais, súmase a outras melloras implementadas en San Pedro, como a renovación das pistas e de toda a zona de vestiarios/baños, a instalación de asentos en todo o graderío cuberto ou a renovación de banquillos de suplentes e do marcador.

O coidado e o mantemento das instalacións deportivas municipais foi, desde sempre, unha das prioridades a nivel deportivo do Goberno local. “Mellores instalacións permitirán sen dúbida acoller eventos de importancia como os que tiveron lugar até o momento”, en palabras do concelleiro de Deportes, Antonio Traba.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies