O Concello actuará nunha das secuoias da Alameda, que presenta un importante deterioro

As árbores da nosa contorna urbana son de grande valor e son obxecto de constantes traballos de mantemento para que se atopen nas mellores condicións ou para identificar posibles problemas que presenten e que poidan afectar ao seu estado.

Segundo informou esta mañá o Concello, ese segundo caso é o que se dá nunha das secuoias que se atopa na Alameda, un exemplar de Sequoia sempervirens ao que se lle identificaron signos de padecer algunha posible patoloxía.

Ante esta situación, a concelleira encargada de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, solicitou dous informes técnicos a dúas empresas diferentes expertas na avaliación de exemplares arbóreas e no seu tratamento. En ambos casos, os técnicos evidencian nas súas conclusións que este exemplar está en mal estado, presentando “marchitamento e deterioro das súas raíces”.

Esta cuestión, unida á localización na que se atopa o exemplar, en plena Alameda e rodeada de terrazas e de edificacións, supón un importante problema de perigosidade, “ademais de que a Alameda é un espazo enormemente transitado”, engade a concelleira.

“Tal e como nos din os técnicos, a secuoia mostra un signos de debilitamento que nos obrigarán a actuar canto antes”, asegura Acuña, que afirma que están á espera de recibir o último informe solicitado á Estación Fitopatolóxica do Areeiro. “Primeiramente, fixeron un estudo da terra para saber se a causa deste debilitamento podería ser un fungo, pero non resultou. Agora, pedímoslles un informe específico da árbore, para poder tomar a decisión máis axeitada”, explica a edil.

Aínda que se tratarán de estudar todas as medidas de recuperación e de contención do exemplar, o Concello asume que hai moitas posibilidades de que o único remedio posible sexa a tala da árbore. “Gustaríanos poder evitar chegar a esta situación, pero cos criterios técnicos dos que dispoñemos pode que sexa a única solución para evitar o enorme risco que nestes momentos supón a arbóre no seu estado actual”.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies