Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello controlará o aforo das praias cun sistema informático de conteo que ofrecerá en tempo real a ocupación

O Concello de Marín leva traballando de xeito continuo desde o inicio da desescalada para artellar unha solución eficaz e tecnoloxicamente factible para poder levar a cabo un control preciso do aforo dos areais, que supoñen un gran reclamo turístico tanto para a propia veciñanza como para aqueles que chegan desde diversos puntos da comunidade autónoma.

De xeito preliminar, encargóuselle a unha empresa topográfica a delimitación do aforo máximo de cada unha das praias tanto con marea baixa como en pleamar. A cifra resultante desta última situación será a que se teña en consideración de cara a establecer a ocupación total do areal.

Coñecendo estes datos, o control comezará a realizarse a partir do 1 de xullo e até que finalice a tempada de verán, utilizando un sistema de conteo informático que se está comezando a instalar estes días, que é capaz de xerar o dato en tempo real do número de persoas que están en cada momento en cada unha das praias.

Este sistema instalarase en Portocelo, Mogor, Aguete e Loira. Os datos que se vaian xerando volcaranse nun sistema informático que os traducirá a un semáforo de ocupación con catro niveis: baixo, medio, alto e completo. Esta simboloxía, fácil de interpretar por todo o mundo, estará dispoñible en diversas plataformas para a consulta popular da mesma: a través dunha aplicación que se presentará nos vindeiros días, a través da páxina web do Concello e a través das redes sociais.

Os datos estarán actualizados practicamente en tempo real, de tal xeito que se alguén quere acudir a un areal concreto poderá saber con antelación como está a praia nese momento.

Ademais, todos os areias contarán con carteis informativos non só das medidas de hixiene e de prevención que se deben tomar durante a estancia na praia, senón tamén do aforo máximo sobre o que se realizan as medicións de ocupación.

Tamén se instalará megafonía coa que recordar en todo momento aos usuarios das praias a necesidade de non relaxar as medidas impostas polo decreto da Nova Normalidade que rexe actualmente a desescalada na nosa comunidade.

Por outra banda, o Concello informa de que se reforzou a plantilla da Policía Local para intensificar a vixilancia e para controlar en todo momento eses datos que xerará o sistema de conteo, cos que se poderá saber se a praia aínda admite máis usuarios ou se é necesario clausurala.

 

Seguridade por riba de todo

Coa implantación deste sistema, “o que procuramos é facer das nosas praias un destino seguro, garantindo deste xeito o cumprimento da normativa nun dos espazos máis utilizados na nosa localidade durante o verán”, explicou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo.

Así a todo, a rexedora segue apelando “á necesidade de que teñamos responsabilidade individual, que sexamos conscientes de que temos moito nas nosas mans e que debemos ter sentidiño”.

 

Aforo por cada praia

Para realizar a medición dos aforos máximos en pleamar das praias realizouse seguindo os criterios recollidos no decreto da Nova Normalidade publicado no DOGA, é dicir, reservando catro metros cadrados como a superficie que pode ocupar cada persoa.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies