Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello inicia a tramitación das expropiacións necesarias para avanzar na apertura dunha nova rúa entre Rep. Arxentina e Inferniño e na humanización da contorna do Mercado Municipal de Seixo

Dous proxectos urbanísticos que ten en carteira o Goberno local avanzan un pasiño máis desde esta mesma mañá. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, tratou na Comisión Informativa celebrada hoxe o inicio da tramitación dos expedientes para expropiar unha serie de parcelas, cos que desencallar, por unha banda, a apertura dun novo viario entre República Arxentina e Inferniño, e, por outra, a humanización de toda a contorna do Mercado Municipal de Seixo.

O proxecto de apertura dunha nova rúa nese punto do casco urbano de Marín antes mencionado require que se expropien tres parcelas, que ocupan unha extensión total de 509 metros cadrados. Esta humanización mellorará toda a contorna de Inferniño, conectando de xeito directo o novo viario coa parte máis renovada desta actual rúa. O orzamento total destas expropiacións ascende a 55.262 euros.

Por outra banda, no proxecto integral de renovación e humanización da contorna do Mercado Municipal de Seixo, son cinco as parcelas afectadas, ocupando unha superficie entre todas de 326 metros cadrados. Para este procedemento de expropiación investiranse 21.968 euros.

Tal e como explica o concelleiro de Urbanismo, “en ambos casos, notificouse previamente aos propietarios das parcelas, pero agora o que facemos é xa oficializar o procedemento”. Agora, os expedientes pasarán  a un período dun mes de exposición pública, no que se poderán presentar alegacións, das que se avaliará a súa viabilidade. Despois, procederase á aprobación definitiva dos mesmos no Pleno da Corporación.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies