O Concello volverá bonificar as taxas municipais aos locais que permanezan pechados polas restricións

26 xaneiro 2021

A alcaldesa María Ramallo analizou no Concello a situación económica que afronta a economía local, especialmente a hostalaría, que terá que pechar as súas portas e limitar a súa actividade á comida para levar e ao servizo a domicilio.

Ante esta coxuntura dun novo peche, necesario para frear a vaga de contaxios que asola a nosa vila e a toda a comunidade, o Concello reactiva desde mañá, cando entran en vigor as novas medidas, a bonificación daquelas taxas municipais derivadas da súa actividade: a taxa do lixo e a taxa de auga, no que respecta ao canon.

“Deste xeito, cando se pase ao cobro o primeiro trimestre do ano, bonificaremos aquelas semanas durante as que non sexa posible abrir a actividade” explicou a rexedora, que asegura que esta medida se manterá namentres duran as medidas, “por se se amplían máis alá das tres semanas anunciadas até o momento”.

Por outra banda, Ramallo recorda que a través da plataforma Marín en Rede, tanto nas redes sociais coma na web, reactivarase a Guía da Hostalaría Covid19, que permitirá a todos aqueles negocios que estean dados de alta actualizar os seus servizos de cara á cidadanía, que poderá consultar todos os locais que ofrecen comida para levar ou a domicilio nun só click: https://www.marinenrede.com/guia-covid-hostalaria/

Outros afectados polas novas restricións

A maiores, desde o Concello aclarar que a Escola Municipal de Música tamén comezará a ofrecer as súas clases de xeito telemático desde mañá e até a fin das restricións.

Tamén na Finca de Briz, o Centro Terapéutico para as persoas con Alzheimer terá que pechar as súas portas polo menos ata o 18 de xaneiro.

Teletraballo a nivel municipal

No que respecta ao traballo dos funcionarios municipais, a alcaldesa explica que xa se leva nestas últimas semanas “adiantando esta situación, facilitando o teletraballo en todos os casos nos que é preciso”.

Esa posibilidade seguirá agora vixente e se coordinará coa creación de quendas que poidan permitir a boa prestación dos servizos municipais pero mantendo as medidas para evitar posibles contaxios.

O Concello lémbralle á cidadanía a necesidade de priorizar a atención telemática sempre que sexa posible, a través da sede electrónica. En caso de que non sexa posible, será de obrigado cumprimento a cita previa.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies