O Concello volverá sortear 100 tarxetas regalo de 50 euros entre a veciñanza que consuma na economía local

29 novembro 2021

O Concello volverá apostar polo apoio á economía local neste Nadal. Sabemos que estas datas son de gran consumo e por iso “queremos volver premiar á veciñanza que é fiel á economía local da nosa vila, facendo as súas compras e consumicións aquí, e animar a outros a que o fagan”, explicou esta mañá a concelleira de Comercio, Cristina Acuña.

Deste xeito, o Concello pon de novo en marcha a campaña de sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros. Para participar, será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir nos establecementos hosteleiros por valor superior a 30 euros, ben cun só ticket ou cunha agrupación de varios, entre o 1 de decembro e o 15 de xaneiro. Estarán exentas as farmacias, gasolineiras e os supermercados.

Os tickets terán que depositarse no buzón que se habilitará na Oficina de Turismo da Praza de España cos seguintes datos no reverso: nome e apelidos da persoa participante, DNI e número de teléfono. Os tickets terán que ser orixinais, “polo que xa avisamos de que se alguén o precisa para devolucións ou garantías, terá que pedir un duplicado”, explican desde o Concello.

O luns 17 de xaneiro, ás 12.00 horas, terá lugar o sorteo no Salón de Plenos para coñecer aos gañadores destas 100 tarxetas, que terán que gastalas tamén na economía local de Marín ata como máximo o 31 de marzo de 2022.

82.000 euros de impacto

“Coa reactivación desta campaña queremos volver incentivar o consumo na nosa economía local, apoiando aos comercios e á hostalaría que aínda seguen facendo fronte ás consecuencias das restricións derivadas da crise sanitaria”, explicou Acuña. O ano pasado, o impacto rexistrado na economía local da campaña foi de 82.000 euros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies