Os establecementos que poderán beneficiarse da exención de tributos deberán solicitalo a través da sede da Xunta

25 febreiro 2021

A crise sanitaria supuxo un importante golpe económico, especialmente para determinados sectores, como a hostalaría. O Concello de Marín anunciou xa en pleno confinamento e sucesivamente, a medida que se ían anunciando peches de actividade, que os establecementos de restauración que se viran afectados poderían adherirse á exención do canon da auga e do coeficiente de vertedura.

De cara a poder adherirse a esta exención, de novo reactivada desde o último peche, será preciso realizar unha solicitude por parte dos establecementos afectados que formen parte destes epígrafes:

  • Restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías e bares
  • Salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo e furanchos
  • Hoteis e aloxamentos turísticos
  • Albergues turísticos

A medida económica está dirixida a aqueles establecementos que, dentro deses epígrafes, viran reducida significativamente a súa actividade no período que comprende dende o 5 de novembro e ata que dure a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego, efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Enténdese que neste período os consumos realizados deben ser iguais ou inferiores ao 25% do consumo realizado no período de facturación anterior ao 5 de novembro de 2020. Este requisito poderá ser comprobado polo Concello de Marín e por Augas de Galicia.

No caso dos negocios que teñan contador de auga, será suficiente con cubrir o modelo AU231C que se atopa na sede electrónica da Xunta de Galicia. Pero se o negocio non ten contador, ademais da solicitude terá que cubrir unha declaración responsable da diminución da actividade que vén anexa á solicitude, un trámite que terán que realizar cada trimestre.

Como presentar a solicitude

O modelo que é preciso cubrir é o AU231C de exención no canon da auga e coeficiente de vertedura, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Este documento pode presentarse pola sede electrónica autonómica ou pola do Concello de Marín.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies