Seleccionadas as cen persoas que participarán no Programa Integrado de Emprego de Marín

Seleccionadas as cen persoas que participarán no Programa Integrado de Emprego de Marín

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín (2019-2020) xa conta cas cen persoas seleccionadas que participarán desta edición. Como novidade con respecto a outros anos, desta vez ampliouse o perfil dos participantes, que xa non só serán demandantes de emprego menores de 30 con baixa cualificación, senón que tamén haberá usuarios cualificados.
Este proxecto de formación e inclusión laboral que ofrece o Concello leva colleitando éxitos nas súas últimas edicións. Na que rematou o pasado novembro, que foi a quinta, acadouse máis do 60% de inserción laboral, contactouse con 63 empresas e xestionáronse 112 ofertas de traballo, ás que foron enviados en total 249 currículos. O programa supón unha inversión de 250.000 euros, 200.000 dos cales son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Nestes momentos, estase procedendo á selección dos dous técnicos que se encargarán de xestionar o programa e de deseñar as accións formativas específicas desta edición. Unha vez estea rematado este trámite, os seleccionados serán convocados un a un para que se lles poida valorar o seu nivel formativo e a súa experiencia laboral, co fin de orientar mellor os módulos do programa, adaptándoos ás súas necesidades.
Por outra banda, a Xunta de Galicia ofrece este ano un incentivo económico que ata o momento se reducía ás axudas de desprazamento. Desta vez, cada acción do programa á que asistan os participantes seralles remunerada con cinco euros.
Está previsto que a sesión de benvida xa se poida celebrar en xaneiro, a partir da cal o programa comezaría a rodar.

Anterior Finalizadas as obras de mellora do comportamento do Río Lameira

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados