Contacto | Tel.:986 88 03 00

Un 8M que estará marcado pola pandemia e as consecuencias específicas para a muller

19 xaneiro 2021

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, presidiu o Consello da Muller, no que participan os representantes das distintas formacións políticas que forman parte da Corporación municipal así como das asociacións de mulleres ou con vocalía de muller do municipio.

Nesta reunión de traballo, realizáronse achegas para a elaboración da Declaración Institucional que se preparará para o 8M, Día Internacional da Muller, un documento que pretende xurdir do consenso para poder representar a sensibilidade colectiva respecto ás reivindicacións deste día.

Practicamente, todos os temas que se tratarán nesta declaración estarán relacionados, como non podía ser doutro xeito, co impacto da Covid19 en xeral, pero de xeito específico nas mulleres. Especialmente, no caso do paro e das dificultades engadidas para o mercado laboral ou os cambios e os retos que trouxo consigo o teletraballo.

Esta modalidade de traballo supuxo para as mulleres, que son sobre as que recaen normalmente os labores de coidado, tanto de menores, especialmente durante o peche dos centros escolares, como dos maiores dependentes, que tamén sufriron de xeito directo esta pandemia.

Precisamente, a declaración quere incidir nesa feminización de determinados traballos e no gran estrés que supón para as mulleres esa duplicidade de carga mental entre o propio mercado laboral e as obrigas domésticas.

De cara ás novas xeracións e ao cambio de mentalidade que se ten que seguir realizando na nosa sociedade, o documento institucional tamén fará fincapé na importancia da utilización dunha linguaxe non sexista, especialmente entre a docencia.

Pero tamén porá o foco nos contidos audiovisuais que a día de hoxe son enormemente consumidos pola xente nova (películas, publicidade, vídeos…) e que en reiteradas ocasións perpetúan roles sexistas que é importante desterrar, a través da educación dos rapaces e rapazas.

Finalmente, tamén se establecerán liñas de visibilización da problemática que existe a nivel global ca prostitución e a trata de mulleres e mostrarase un apoio total aos colectivos LTBIQ, que teñen unha dobre dificultade tanto a nivel persoal como laboral na sociedade.

 

Trazando os actos do 8M

Durante o Consello comezáronse a trazar os posibles actos que se realizarán para conmemorar o 8M, pero aínda están en proceso de desenvolvemento e, sobre todo, moi vencellados a como evolucione a situación sanitaria.

Ademais, como todos os anos, designarase a un colectivo específico da mulleres para renderlle homenaxe neste día, pero aínda está pendente de concretar.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies