Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello presenta as Rutas Culturais de Inverno, unha iniciativa para coñecer o patrimonio galego

A Concellaría de Cultura, dirixida por Beatriz Rodríguez, vén de presentar, xunto con Juan Castro, de Anta de Moura, as Rutas Culturais de Inverno, unha iniciativa coa que o Concello quere facilitar á veciñanza as visitas aos lugares máis emblemáticos de Galicia e arredores a nivel patrimonial.
Lalín, Santiago de Compostela e Viana do Castelo son os tres primeiros destinos que engloban estas rutas que, segundo informou a concelleira, “contarán cunha edición similar na primavera, pero centrada nos puntos de referencia do patrimonio en Marín”.
Debido ás posibles inclemencias meteorolóxicas que se poden derivar do inverno, os puntos de visita organizados para estas tres saídas son museos e instalacións culturais, ás que se pode acudir aínda que o tempo non acompañe, polo que non se corre o risco de cancelación das saídas.
En todos os casos, as visitas serán guiadas por persoal dos museos, contando ca información complementaria que aportará o arqueólogo de Anta de Moura, que será o guía dos grupos que saian da vila.
Así, a primeira saída será ao Museo Etnográfico Casa do Patrón, en Lalín, o domingo 26 de xaneiro. O autobús sairá de Marín ás 09.30 horas da Praza de España para visitar este espazo museístico, onde tamén se realizará unha comida, cun custe por persoa de 20 euros.
Pola tarde, os participantes irán visitar o Castro de Doade, para despois volver coller o autobús de volta a Marín, chegando aproximadamente ás 19.00 horas.
Inscricións
Para esta primeira ruta xa están abertas as inscricións. Aqueles que teñan interese en apuntarse deberán escribir un correo electrónico a alcaldia@concellodemarin.es, indicando nome e apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico de contacto.
Tal e como explicou a concelleira, dado que o aforo máximo de cada ruta é de 60 persoas, terán prioridade nas inscricións aquelas que están empadroadas en Marín.
Seguintes rutas
No mes de febreiro, concretamente o domingo 23, a visita será ao Pórtico da Gloria. Esta saída é complementaria a que xa se realizou como actividade de clausura da última edición das Xornadas Blanco Freijeiro, dada a enorme demanda que tivo.
De feito, neste caso xa existe unha lista de inscritos que non puideron gozar da visita organizada cas xornadas, pero abriranse proximamente as inscricións ate encher as 60 prazas. Neste caso, a volta será en torno ás 15.00 horas.
Finalmente, a última das rutas terá como destino os Museos de Viana do Castelo, en Portugal. Será o domingo, 29 de marzo, e incluirá visita ao Museo das Artes Decorativas, ao Museo do Traje, á Casa dos Nichos, ao Museo das Artes Decorativas e a algúns monumentos do centro histórico. Nesta actividade, a comida será libre.
A concelleira Beatriz Rodríguez anima a toda a veciñanza a participar nestas rutas, “que son unha oportunidade fantástica para poder coñecer enclaves de Galicia e de Portugal que teñen un enorme valor patrimonial”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies