O Entroido de Marín centrará as súas actividades o domingo no Parque Eguren

25 febreiro 2022

O espírito do Entroido en Marín vivirase sobre todo na xornada do domingo, aínda que de xeito descafeinado pola situación tráxica que aínda atravesa á nosa vila. Xa nestes días, comezamos coas primeiras citas desta festa.

Por unha banda, desde o día 20 pódese visitar a Exposición do Entroido Galego no Museo Manuel Torres, organizada pola Asociación Cultural Tregha (Saljariteir@s) e o Concello de Marín. Ata alí se desprazou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, que acompañou a un grupo de escolares do Colexio La Inmaculada, que se vestiron de peliqueiros, aproveitando que a temática da mostra céntrase no Entroido tradicional ourensán.

Os pequenos da Inmaculada non son os únicos que desfrutaron estes días da exposición. Tamén viñeron visitala do CEIP da Laxe, que descubriron moito sobre o Castrón ou os propios Peliqueiros, figuras que forman parte da tradición galega aínda que aquí non as teñamos.

Tamén hoxe foi o turno de saída da Burra do Entroido de Seixo, que saiu ata a Praza de Abastos, onde estará ata o 4 de marzo, da man do Grupo Cultural Ronsel.

No que respecta ás decoracións do Palco da Música e do Parque Eguren, correron a cargo das comparsas Os da Caña e Paparrulos, correspondentemente. No Eguren será a Festa Infantil, con animación e obradoiros de tatuaxes, máscaras, cociña e arte. Será o domingo, 27, de 17.00 a 19.30 horas. Poderase trasladar ao Multiusos da Praza de Abastos en caso de choiva.

Próximo domingo, Bolo do Pote

Por outra banda, o domingo 6 de marzo haberá degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area na Alameda a partir das 12.00 horas. Tamén contaremos coa animación das Charangas Noroeste e Os Jalácticos polas rúas de Marín e coa Batucada Maracumbé Bloco, con obradoiros de baile e maquillaxe, na Alameda.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies