Contacto | Tel.:986 88 03 00

A Oficina Municipal de Rehabilitación axudou a 300 vivendas do ARI nos seus sete anos de traxectoria

A Oficina Municipal de Rehabilitación do Concello de Marín leva sete anos de intenso traballo, que se cristalizan nas actuacións de rehabilitación levadas a cabo con axudas públicas en máis de 300 vivendas, incluídas na zona do ámbito ARI (Área de Rehabilitación Integral). Esta cifra foi presentada esta semana pola encargada desta oficina, Ivana Conte, e o polo concelleiro de Urbanismo e Facenda, Manuel Santos.
Estas axudas concédense ao abeiro dos plans estatais de vivenda, que neste sete anos tiveron dúas quendas de anualidades, a de 2013-2016 e a de 2018-2021. Os plans vanse desenvolvendo por fases, baixo o paraugas dos acordos das comisións conformadas polo Estado, a Xunta e a administración local.
Segundo explicou Conte, “a primeira fase rematou no 2016 e a segunda e a terceira están a piques de rematar”. No que respecta á cuarta, estará en execución ate o 2021 e suporá a intervención en 104 vivendas “que foron as que se presentaron á convocatoria de axudas do 2019”.
Santos Costa afirmou que existe unha elevada demanda por parte da veciñanza de estas axudas saídas no 2019, por iso “estamos a estudar a posibilidade de publicar unha segunda convocatoria, dado que aínda queda un remanente do orzamento previsto, de tal maneira que máis familias e veciños poidan resultar beneficiados para acometer as melloras e as actuacións de rehabilitación que precisen nas súas vivendas”.
A nivel de investimento, os particulares que levaron a cabo este tipo de actuacións a través do ARI durante as tres primeiras fases do plan investiron un total de 1.000.000 de euros. No que respecta a obra pública neste período, o Concello investiu preto de 362.000 euros para realizar actuación de reurbanización en Concepción Arenal, Ponte Zapal e a rúa Lameira. Nestes proxectos, o Estado e a Xunta de Galicia aportaron preto de 600.000 euros.
Ivana Conte sinalou que na cuarta fase, que se desenvolverá ao deste exercicio e do 2021, quedan por executar 844.000 euros. A esta cifra, “debemos sumar os 300.000 euros en axudas que se concederán para actuacións en propiedades privadas de veciños”. O concelleiro tamén adiantou que dentro desa contía tamén entrará “a reurbanización que temos previsto realizar nun tramo da Rúa Doutor Touriño Gamallo”.

As actuacións máis demandadas do ARI
Segundo destacou a encargada da oficina, as intervencións que máis demandan os veciños dentro das que cobren as axudas teñen que ver rehabilitación enerxética de edificios residenciais (incorporación de illamento térmico en fachadas, substitución de ventás…), así como a mellora da súa accesibilidade (reforma de baños, ampliación de portas, instalación de ascensores e dispositivos de accesibilidade nos edificios…). “A isto tamén hai que engadir algunhas reformas integrais en vivendas unifamiliares”, engadiu a técnico.
Todas estas intervencións, declarou Santos Costa, “axudan a asentar poboación na zona antiga dos barrios de Santa María e Banda do Río, lugares emblemáticos da vila, mellorando a súa calidade de vida”.
Outras axudas que xestiona a oficina: aluguer e programa de vivendas baleiras
Fóra do ámbito ARI, desde o casco urbano ata o rural marinense, na oficina infórmase aos cidadáns sobre as axudas públicas relacionadas co aluguer, coa mellora da eficiencia, ca conservación e ca accesibilidade do plan vivenda 2018-2021 que convoca a Xunta.
Tamén é posible informarse sobre o programa de préstamos cualificados a través de entidades financeiras colaboradoras, sobre as axudas á adquisición de vivenda nos cascos históricos para menores de 35 anos e sobre as convocatorias de axudas do Inega para instalacións con enerxías renovable, fotovoltaica e biomasa.
Ademáis, entre a Oficina municipal de rehabilitación e o Departamento municipal de Servizos Sociais desenvólvese a xestión do programa de vivendas baleiras da Xunta dende que o Concello se adheriu no ano 2017.
Na actualidade están adxudicadas 2 vivendas e unha terceira atópase en proceso de adxudicación. “Aínda que isto é insuficiente para dar resposta ao elevado número de demandantes, ao longo deste ano 2020 está previsto a incorporación ao programa de 2 vivendas máis”, adiantou Conte, que lembrou que as vivendas dadas de alta neste programa teñen dereito á solicitude das axudas Rehaluga da Xunta de ata 8.000 euros para as obras necesarias que se deban acometer nelas.
A información actualizada referida ás axudas públicas en materia de vivenda pode consultarse na páxina web do concello a través da Concellería de Urbanismo, Facenda e Persoal no apartado “Rehabilitación” ou ben na Oficina municipal sita no local da rúa Méndez Núñez todos os días agás os luns.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies