A Policía Local de Marín incrementará os controis debido ao aumento de positivos en controis de alcoholemia

A Policía Local de Marín incrementará os controis debido ao aumento de positivos en controis de alcoholemia

A Policía Local de Marín mostrou a súa preocupación debido ao aumento, nas últimas semanas, de positivos en controis de alcoholemia na vila. En total foron 7 os atestados que realizaron os axentes nos últimos 15 días por conducir baixo os efectos do alcol.

Na fin de semana, os axentes interceptaron un condutor de motocicleta baixo os efectos do alcol, que xa era coñecido pola Policía Local, debido a que xa se lle retirara o permiso de condución en tres ocasións, a última en setembro de 2018.

Este condutor, ademais de dar positivo por alcol, tiña retirado o carné de conducir por orde xudicial ata setembro de 2020, polo que se lle realizou un atestado contra a seguridade viaria tanto por superar os limites de alcol, deu 1.23 mm.g/l no control, coma por conducir un vehículo a motor pese á  retirada do permiso de condución por parte dun xuíz.

Este luns, os axentes tiveron que volver a actuar debido á denuncia dun veciño pola conduta dun condutor que manobraba golpeando a outros vehículos que estaban aparcados. A patrulla da Policía Local ao chegar ao lugar realizoulle a pertinente proba de alcoholemia, que resultou positiva, dando o condutor 1.22 mm.g/l.

Debido ao incremento destas condutas perigosas para a seguridade viaria, a Policía Local de Marín aumentará os controis nas estradas da vila.

É importante reiterar o perigo que supón conducir baixo os efectos do alcol, tanto para o condutor coma para os demais usuarios da vía, e que este tipo de infraccións poden chegar a supoñer penas de cárcere para os infractores.

 

Anterior Unha “Festiña Corsaria” adaptada á nova normalidade

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados