A Rúa Alcalde Ezequiel Massoni contará cun novo pavimento

A Rúa Alcalde Ezequiel Massoni contará cun novo pavimento

A mellora do espazo urbano da vila marinense é un dos eixos nos que traballa o Goberno local, que considera indispensable contar cunhas infraestruturas viarias en bo estado pola seguridade dos peóns e pola optimización da estética do núcleo urbano marinense.
A Rúa Alcalde Ezequiel Massoni presenta na actualidade no seu pavimento un aspecto degradado, afectado polo paso do tempo, con moitas roturas e con graves deficiencias no pintado e na sinalización das prazas de estacionamento.
Por ese motivo, o Concello vén de anunciar que se levará a cabo unha obra neste viario, para renovar todo o seu pavimento. Esta actuación vén de ser adxudicada por resolución de Alcaldía á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa SL, por un orzamento total de 89.686,92 euros.
O proxecto terá un prazo de execución dun mes desde a comprobación do reprantexo.
Segundo indicou a alcaldesa, María Ramallo, nestes momentos só queda a firma do contrato para poder comezar a elaborar o plan de traballo para a esta actuación. Na situación excepcional de crise sanitaria que estamos a vivir, os prazos de contratación aínda están parados, pero no momento no que sexa posible reactivar estes trámites, avanzarase para “poder comezar coa execución da obra o antes posible”.

Recta final de Concepción Arenal
Nesta fase de renovar o pavimento e de rematar cos últimos retoques atópase tamén a Rúa de Concepción Arenal, onde se está a executar a segunda fase dun importante proxecto de humanización que cambiou completamente a estética deste viario tan utilizado pola veciñanza por ser unha comunicación directa con Pontevedra e que presentaba enormes deficiencias.
Segundo adiantou durante estas últimas semanas o Concello, está previsto que a obra quede rematada cara finais deste mes de maio.

Anterior Aberto prazo matriculación nas Galiñas Azules

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados