Contacto | Tel.:986 88 03 00

As praias xa contan con carteis informativos dos aforos e seguen mellorando os seus servizos

A praia de Portocelo foi  o escenario escollido para repartir as bandeiras azuis que os Concellos da nosa provincia teñen acadado este ano para os seus areais. O coidado das nosas praias e o respecto ao medio ambiente é un dos eixos nos que máis traballa o Goberno local de Marín, para continuar preservando esta contorna costeira do mellor xeito posible, con servizos para a cidadanía.

Recentemente, veñen de rematarse diversas accións das praias, como foi a colocación de novos pasarenas. Tamén nos accesos houbo mellorar, como o recente asfaltado do Viario de Praias á altura de Aguete. Alí, vén de rematarse tamén o pintado dos espazos de estacionamento.

Tal e como informa o Concello, estase traballando na ampliación da contratación de socorristas, para poder así cubrir todas as prazas, xa que despois das probas da pasada semana aínda quedan dúas prazas vacantes. O seu servizo comezará nas praias a partir do 1 de xullo, tal e como acontece todos os anos.

Ademais, o mércores da semana que ven porase en marcha o sistema de conteo informatizado para controlar os aforos das praias. Os datos de ocupación de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira traduciranse nun sistema tipo semáforo con catro niveis (baixo, medio, alto e completo) que se poderá consultar a través dunha aplicación informática, que se presentará a próxima semana, da web do Concello e das redes sociais.

Durante o día de onte, colocáronse en cada unha das praias carteis informativos co aforo máximo sobre o que se traballará para establecer estes niveis de ocupación, que son os calculados en pleamar e cunha medición de 4 metros cadrados por persoa:

  • Portocelo – 970 persoas – Lonxitude da praia: 350 metros lineais
  • Mogor – 1280 persoas – Lonxitude da praia: 400 metros lineais
  • Aguete – 1690 persoas – Lonxitude da praia: 900 metros lineais
  • Loira – 2645 persoas – Lonxitude da praia: 420 metros lineais

Como medida paralela para controlar o aforo e evitar que se xere máis afluencia especialmente nas horas puntas, o Concello tomou a decisión de non poñer a disposición dos usuarios dos areais os aparcadoiros de apoio que normalmente son xestionados con propietarios particulares.

Por outra banda, tampouco haberá papeleiras, nin duchas nin lavapés e tamén quedarán clausurados os baños públicos, debido á imposibilidade de realizar desinfeccións cada tan pouco tempo como sería esixible en espazos cun número elevado de persoas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies