Bases do Concurso de Decoración de Mascarillas de Entroido

Solicitude Concurso

1. OBXECTIVO.-

O Concello de Marín a través das Concellerías de Festas e Cultura convoca un Concurso de Decoración de Mascarillas, co obxecto de fomentar a participación cidadá no Entroido, xa que non haberá actividades nas rúas.

Mediante este concurso preténdese promover a creatividade da veciñanza e fomentar o aspecto artístico e o carácter tradicional do Entroido.

Para promover o interese e a participación, e para un maior realce do concurso, o Concello concederá premios económicos aos participantes que resulten gañadores, segundo os criterios de valoración e puntuación que se determinan nestas bases.

O procedemento de concesión destes premios tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. PARTICIPANTES.-

Poderán participar no concurso e, polo tanto, poderán ser beneficiarios nos termos establecidos nestas bases, todos os veciños e veciñas de Marín , ou menores matriculados nalgún dos centros de ensino do municipio.

3. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN.-

As persoas participantes deberán presentar a solicitude que se indica no Anexo I e enviar un mínimo de 2 fotografías ao correo concursos@concellodemarin.es, indicando o nome e apelidos e o número de teléfono da persoa que concursa.

O prazo máximo de presentación e envío é o 14 de febreiro de 2021 ás 23:59h.

O Concello reservase o dereito a seleccionar as fotos que mostrará nas redes sociais, e rexeitará calquera foto que non sexa respetuosa cos valores que se promoven dende o Concello.

O xurado estará formado por representantes do Concello e das Asociacións tradicionalmente vinculadas co Entroido.

Os deseños deberán ser creativos, orixinais e inéditos.

4. CATEGORÍAS E MODALIDADES.-

Establécense dúas categorías, nas que se valorarán en conxunto a creatividade, a orixinalidad e o deseño das mascarillas:

1ª.- ADULTOS/AS (MAIORES 18 ANOS):

  • 1º premio: 300 €
  • 2º premio: 200 €
  • 3º premio: 100 €

1 Sorteo entre todas as persoas participantes, agás as gañadoras nesta modalidade, por valor de 100€.

2ª.- (MENORES DE 18 ANOS)

  • 1º premio: 200 €
  • 2º premio: 150 3º premio: 100

1 Sorteo entre todas as persoas participantes, agás as gañadoras nesta modalidade, por valor de 100€.

5. INSCRICIÓNS.-

As persoas interesadas en participar neste Concurso, poderán inscribirse gratuitamente ata o día 14 de febreiro de 2021 ás 23:59h, utilizando o modelo normalizado de participación (anexo I), onde se indicarán os seguintes datos:

  1. Nome e apelidos do concursante
  2. Teléfono de contacto
  3. Dirección de correo electrónico.

Neste mesmo prazo deberán enviar un mínimo de 2 fotografías ao correo concursos@concellodemarin.es, indicando o nome e apelidos e o número de teléfono da persoa que concursa.

Non se admitirán solicitudes presentadas fora do prazo indicado no parágrafo anterior, nin máis dunha solicitude por persoa.

A solicitude de inscrición poderá obterse nas dependencias do rexistro do Concello de Marín, ou ben pode ser descargado na páxina web do Concello, www.concellodemarin.es.

Unha vez cumprimentada a solicitude poderá ser presentada a través da sede electrónica do Concello de Marín (www.concellodemarin.es) ou ben de forma presencial, aínda que dada a situación sanitaria aconséllase optar pola telemática.

O procedemento de instrución e resolución levarase a cabo nas Concellarías de Festas e Cultura, nos termos que se regulan nos artigos 23 a 27 da Lei xeral de subvencións.

As persoas gañadoras daranse a coñecer non máis tarde do día 17 de febr mediante teléfono, mail ou publicitándoo nas redes sociais do Concello e na prensa.

7. OBRIGATORIEDADE E RESPONSABILIDADE.-

As persoas participantes deberán responsabilizarse do cumprimento das normas establecidas en canto á propiedade intelectual, quedando exonerado o Concello das responsabilidades derivadas desta natureza que se poidan producir a terceiros.

8. PREMIOS.-

Destínase un crédito de 1.250 euros que se imputará á aplicación orzamentaria 334.48100 do orzamento de gastos do ano 2021 para a concesión de premios do Concurso de Decoración deMascarillas do Entroido con motivo da celebración das festas.

O pago dos premios será realizado mediante transferencia bancaria. Ademais, as persoas premiadas deberán aportar declaración responsable de estar ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, de conformidade co establecido no artigo 24 do Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións. Se no prazo de 7 días dende a publicación dos premiados, non se facilita esta documentación, entenderase que renuncia o premio.

9. XURADO.-

O Xurado do concurso estará composto por:

1. Presidencia: Alcaldesa do Concello de Marín ou persoa en quen delegue.
2. 1 Representante das Concellerías de Festas ou Cultura.
3. 1 Representante da Comparsa Os da Caña.
4. 1 Representante da Comparsa Paparrulos.
5. 1 Representante do Ateneo Santa Cecilia.
6. 1 Representante da Asociación Amigos dos Rapaces.

O xurado valorará a todas as persoas participantes que figuren debidamente inscritas.

10.- CRITERIOS DE OUTORGAMENTO DOS PREMIOS.-

O xurado valorará aos participantes segundo os criterios:

a. Que as mascarillas teñan motivos do Entroido

b. A orixinalidade dos deseños.

c. A creatividade dos deseños

d. O inxenio da composición.

Cada un dos criterios será valorado entre 1 e 5 puntos.

No caso de que máis dun participante obteña a mesma puntuación, o empate será resolto co voto de calidade da Presidencia.

11. FALLO.-

O xurado proporá a concesión dos premios a aqueles participantes que obteñan maior puntuación nos distintos criterios, podendo facer unha primeira selección e podendo pedir a entrega da máscara no Concello para ver a súa terminación.

O xurado levantará acta da valoración e poderá declarar desertos os premios se considera que non se alcanza un nivel mínimo de calidade.

O fallo do xurado será inapelable.

12.- NOTIFICACIÓN AOS PREMIADOS e PARTICIPANTES.-

Para os efectos da práctica da notificación do resultado da valoración aos premiados, participantes e demais interesados, realizarase unicamente mediante publicación dos premiados no Taboleiro de anuncios do Concello e na web municipal non mais tarde do día 17 de febreiro de 2021, de acordo co artigo 40 e 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ao tratarse de actos integrantes dun procedemento de concorrencia competitiva.

13. ACEPTACIÓN DE BASES.-

O feito de participar no concurso implica o coñecemento e a aceptación destas bases. O Concello de Marín resérvase o dereito para introducir, se o cre conveniente, as modificacións necesarias para o bo funcionamento do concurso.

14. INCUMPRIMENTO.-

O incumprimento dalgunha das bases levará implícita a descalificación no Concurso.

15.- NORMATIVA APLICABLE.-

As presentes bases vinculan á administración, ao xurado e a quen participe nas probas, e tanto a convocatoria coas súas bases e cantos actos administrativos se deriven das mesmas e das actuacións do xurado, poderán ser impugnadas polos interesados nos casos e formas que determine a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, así como no seu caso, na Lei 29/1998, do 13de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies