Ruxe Marín volverá facer vibrar a Finca de Briz no mes de maio

Ruxe Marín volverá facer vibrar a Finca de Briz no mes de maio

A Finca de Briz volverá este ano a soar a batucada e a percusión brasileira cunha nova edición do Ruxe Marín, organizado pola Batucada Os Da Caña en colaboración co Concello. O evento, que promete ser unha cita de ocio xuvenil imperdible para todos os amantes da música afrobrasileira celebrarase a fin de semana do 22 ao 24 de maio.

Os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín presentaron o evento esta semana no Concello xunto con representantes da Batucada. Alí, presentáronse algunhas das bandas que participarán deste festival, que na súa segunda edición consegue xa traer a formacións de talla internacional.

É o caso de Cafundó, “unha das mellores bandas internacionais”, en palabras de Adrián De la Iglesia, de Os da Caña. “Virán desde Arxentina e actuarán o venres, 22 de maio, pola tarde”. Despois da actuación, esta formación ofrecerá un obradoiro de timbau, un instrumento típico da percusión brasileira.

O sábado pola mañá, entre as 10.30 e as 11.00 horas, continuará a formación en Briz con outro obradoiro de percusión que combinará as técnicas e tradicións de África e de Brasil, ao que se poderá apuntar calquera persoa que teña interese, sen necesidade de coñecementos previos. “Normalmente, anótase xente próxima ao mundo das batucadas”, explica Adrián. “Temos algúns instrumentos para deixar a aqueles que non teñan, pero como son limitados, pregamos que todos os que poidan traian o seu propio instrumento”, engade.

Despois da comida, que tamén se fará na propia finca, comezarán as actuacións das batucadas. “Primeiro actuaremos nós como anfitrións e despois xa tocarán Cafundó, Kilomberos de Monte Alto, da Coruña, e Retumbatuque, de Pontedeume”, explica Adrián. Polo medio destas actuacións haberá espectáculos de maxia a cargo do Mago Paco e estanse a pechar números de capoeira.

A música non parará até ben entrada a noitiña, cos concertos dos grupos Terapia de Grupo e do propio Cafundó, “que teñen banda de escenario ca que tocan cancións tipo reggae”. A estas formacións, unirase a música do DJ Jorge Álvarez, de Pontevedra, e finalmente, o grupo de gaitas que amenizará, a partir das 00.00 horas, a queimada que está prevista como despedida do día, con malabares e outras animacións.

O domingo será o peche do festival, co pasacalles do “macrobloco” polas rúas de Marín. O “macrobloco” estará formado por todas aquelas persoas que participaron dos obradoiros, “nos que ensaiaremos uns ritmos simples”, e que irán vestidas ca camiseta que se deseñará para a edición deste ano.

Tanto Os Da Caña como o Concello quixeron destacar “o gran éxito que tivo a edición do ano pasado, sobre todo para ser o primeiro ano”. Sanmartín engadiu durante a presentación que a climatoloxía axudará moito e que “a ubicación, a Finca de Briz, non pode ser mellor para isto”.

Anterior Os veciños firman as actas de levantamento para a ocupación dos terreos expropiados da senda Coirados-Pardavila

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados