Contacto | Tel.:986 88 03 00

Finalizada a elaboración dos pregos de contratación do Auditorio de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada polos concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, anunciou hoxe pola mañá a finalización da elaboración dos pregos de contratación do Auditorio.
Agora, ábrese o prazo de presentación de ofertas, que terá unha duración dun mes. A empresa que saia escollida do concurso público terá despois ata catro meses para redactar o proxecto construtivo, que será o que finalmente se licite e se leve adiante para erixir “un equipamento cultural moi demandado pola sociedade marinense”, afirmou a alcaldesa.
Segundo a rexedora, este trámite supón o “pistoletazo de saída” a unha das actuacións principais da Estratexia EDUSI Marín 2020, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Estes fondos europeos cubrirán un 80% do que suporá o custo total da obra, que ascende a 4 millóns de euros (IVE incluído). O 10% restante será abonado cos recursos propios do Concello, contemplados no seu Plan Orzamentario do 2019.
O edificio situarase na parcela que actualmente existe detrás da marquesiña e das canchas deportivas da Praza de España. A superficie total dela é de 2.000 metros cadrados.

Algo máis ca un Centro Cultural
A alcaldesa insistiu na idea que ten o Concello de crear un equipamento que non sexa “un centro cultural ao uso, senón que poida servir como espazo polivalente para albergar exposicións e todo tipo de actividades culturais”.
O proxecto que presenten os técnicos ou arquitectos que se animen a presentar a súa oferta terá que coidar a estética do edificio, a súa capacidade e volume e que teña un deseño que se integre a nivel paisaxístico co espazo portuario e costeiro no que se emprazará o Auditorio.
Precisamente, a intención do Concello é a de mellorar a imaxe deste espazo pertencente ao núcleo urbano da vila, facendo del un centro neurálxico do ocio e a cultura no municipio.

Avances no resto da Estratexia Marín 2020
Na rolda de prensa celebrada onte, a alcaldesa aproveitou para facer balance da situación na que se atopan as outras dúas grandes actuacións que completan a Estratexia Marín 2020: as humanizacións do Paseo Alcalde Blanco e da Avenida de Ourense.
Con respecto ao paseo marítimo, Ramallo recordou que a adxudicación das obras está cada vez máis próxima. Son dous os obxectivos que se perseguen con esta mellora: “Por unha banda, rematar a punta, que quedou inconclusa no se día e, por outra, impulsar este espazo como un área agradable, verde, humanizada, cunha mellor iluminación e con opción de ocio para todas as idades, priorizando os espazos de xogos infantís e de turismo familiar”.
En canto á Avenida de Ourense, esta mesma semana publicouse no BOPPO a aprobación definitiva do proxecto de humanización, que converterá ao paseo máis utilizado da vila marinense nun lugar de confluencia de peóns e ciclistas, ca incorporación dun carril bici.
Finalmente, Ramallo adiantou que se está a traballar nun novo plan de mobilidade, “que tamén segue a filosofía da estratexia que temos para os Fondos DUSI”, así como na optimización do uso das novas tecnoloxías, especialmente no que ten que ver ca sede electrónica do Concello, co fin de modernizar a tramitación burocrática municipal.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies