Luz verde á aprobación inicial da nova ordenanza de terrazas

8 xullo 2021

O Pleno da Corporación deu luz verde esta tarde á aprobación inicial da ordenanza reguladora das licenzas de instalacións de terrazas, que actualiza esta normativa no municipio e que porá as bases para a homoxeneización da estética deste mobiliario.

Tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, “a hostalaría é a día hoxe un sector especialmente azoutado pola pandemia e aínda agora non recuperaron os seus horarios nin aforos habituais”.

Neste contexto, Sanmartín incidiu en que as terrazas convertíronse “no punto de partida para poder abrir as portas dos negocios e poder comezar traballar, e segue sendo a alternativa máis demandada pola cidadanía, constituíndo espazos de convivencia e dinamizando moitísimo a economía do seu entorno”.

Desde o Concello, lévase traballando desde o inicio da pandemia para poder aumentar a ocupación de espazos públicos ao aire libre para o uso de terrazas, para tratar de compensar as limitacións no interior dos locais. Por iso, “fíxose necesaria a aprobación dunha norma que regulara a concesión destas licenzas e o seu uso. De aí a necesidade de modificar esta ordenanza”, aclarou a edil.

Polos prazos necesarios, entre consultas previas, aprobacións e exposicións ao público, e para poder traballar na aprobación das licenzas para este verán, aprobouse previamente unha instrución a finales de abril e así solventar o problema que xeraba traballar coa anterior ordenanza.

Agora, coa posta en marcha da modificación da ordenanza, “obtemos xa un procedemento uniforme e claro”. O obxectivo, conta Sanmartín, é “asegurar unha axeitada conciliación destes usos co disfrute dos espazos públicos pola veciñanza e os visitantes”.

“Entendemos que a hostalaría é un motor de dinamización económica que debemos preservar a manter”, asegurou a concelleira na súa intervención, que indicou que a ordenanza servirá tamén para mellorar a integración paisaxística da actividade, homoxeneizando o mobiliario urbano.

Deste xeito, defínense os elementos que poderán integrarse nas terrazas:
● Veladores compostos por unha mesa e un máximo de catro sillas
● Elementos de sombra, como sombrillas, parasois ou pérgolas
● Elementos de climatización, como calefactores ou ventiladores
● Paramentos desmontables, como paraventos, macetas…

Non se poderá poñer publicidade e haberá unha regulación dos materiais, que deben ser resistentes, de fácil limpeza e con deseños atractivos, que se utilice colores neutros, con uso preferente do negro, branco, gris metalizado, ou similares.

Os hostaleiros terán unha marxe de dous anos para ir actualizando o mobiliario ás novas condicións.

Despois desta aprobación inicial, agora iniciarase un período de exposición pública para a realización de alegacións, para así depois proceder á súa aprobación definitiva.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies