Contacto | Tel.:986 88 03 00

Marín abre o prazo para solicitar autorización para as cacharelas de San Xoán e San Pedro

Solicitude

 

Marín poderá gozar das festividades de San Xoán e de San Pedro, coa realización de cacharelas con previa autorización pero sen os tradicionais postos de reparto de comida. Así o anunciou esta mañá o Concello de Marín, que traballa en adoptar unha das tradicións máis arraigadas na nosa comunidade ás obrigatorias e necesarias medidas derivadas da situación sanitaria da Covid19.

O prazo para presentar as solicitudes de cacharelas abrirase mañá, 11 de xuño, e rematará o venres, día 19. A partir de entón, o Concello avaliará unha a unha cada petición para confirmar a súa viabilidade, insistindo en todo momento, no que respecta especialmente ás fogueiras privadas, na responsabilidade individual dos solicitantes para que na súa cacharela se cumpran todas as normas relativas a estes festexos e todas as recomendacións de hixiene e de saúde pública que rexerán na “nova normalidade” vixente o día da festa.

Aqueles que desexen solicitar cacharela poderán facelo no prazo antes referido presentando, ben a través da sede electrónica ou ben a través do Rexistro municipal, pedindo neste caso cita previa, o documento correspondente, no que deberán indicar nome e apelidos, DNI, tipo de cacharela (se é pública ou privada) e data do seu acendido, entre outros datos.

 

Normas relativas ás cacharelas

  • Estará prohibido levar a cabo cacharelas sobre as vías públicas pavimentadas, sobre xardíns ou zonas verdes, baixo tendidos eléctricos
  • As cacharelas terán que gardar unha separación mínima de 12 metros lineais coa vexetación, coas casas e cos edificios máis cercanos
  • A súa altura máxima será de 14 metros e o diámetro da zona de combustión non superará os 6 metros de ancho
  • Para a combustión só poderá empregarse leña, ramas, troncos de árbores ou calquera material de madeira. Estará prohibido o uso de materiais inflamables como pneumáticos, plásticos, latas, botellas de vidro ou materiais de PVC. Tamén está prohibido tirar aerosois (aínda que estean baleiros), aceites, líquidos, combustibles ou calquera substancia explosiva
  • As persoas que asistan á festa, non se poderán situar nunha área de diámetro similar á altura do pau central da cacharela
  • Queda prohibido facer cacharelas na Praia
  • As persoas organizadoras das fogueiras, deberán ter coñecemento dos télefonos de contacto necesarios no caso de que xurda algún accidente. O teléfono de emerxencias é o 112.

Con todas estas normas de obrigado cumprimento, o Concello pretende garantir a protección e a seguridade das persoas que participen nestas festas, de gran tradición no noso país.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies