Contacto | Tel.:986 88 03 00

Marín conmemora un Día da Liberación diferente cun vídeo explicativo da historia de Gago de Mendoza

Hoxe cúmprense 211 anos da liberación da vila de Marín das tropas napoleónicas, grazas á heroica intervención das coñecidas como Alarmas do Morrazo, pelotóns de paisanos da vila que, capitaneados por Gago de Mendoza, asaltaron o Forte de San Fernando, ocupado polos franceses, que libraron unha batalla con eles na que recuperaron Marín.

Esta data, que xa forma parte da historia da nosa vila, sempre é conmemorada con actos de memoria organizados conxuntamente polo Concello e Ademar (Asociación Para A Defensa de Marín), pero debido á crise sanitaria do Covid19, este ano toca rememorar esta fazaña histórica dos marinenses dun xeito diferente.

DESCARGA O CÓMIC

Por iso, o Concello ideou un vídeo explicativo da historia de Gago de Mendoza, pensado para adultos pero tamén para nenos, que utiliza as ilustracións do cómic deseñado por Era Comunicación o ano pasado e que sirve como material didáctico nos centros educativos da vila, nos que este mesmo ano, a principio de curso, se realizaron visitas teatralizadas coas que achegar máis á cativada a figura deste heroe de Marín.

Esta iniciativa enmárcase dentro da actividade “En Marín, #ACulturaSegue”, impulsada pola Concellaría de Cultura, para poder achegar ás casas dos marinenses a cultura da localidade namentres dure o confinamento e o estado de alarma.

O primeiro vídeo que se realizou centrou o seu contido na figura de Manuel Torres, dado que este 2020 celebrábase o Ano Torres, en conmemoración do 25 aniversario do falecemento deste gran artista local. Esta temática centrará outras das pezas audiovisuais que se están a preparar, para seguir así afondando na vida e na obra do pintor.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies