Marín prepara un plan para afianzarse como destino turístico sostible e de calidade, cunha inversión de 2 millóns de euros

13 setembro 2021

A actividade turística é un revulsivo económico, cultural e social que, agora máis ca nunca, precisa dunha aposta pública para non só superar o impacto da pandemia, senón para mellorar o modelo actual, facéndoo máis atractivo, máis sostible e máis adaptado ás novas maneiras de viaxar e vivir.

Marín non será alleo a esta transformación, que se poderá articular cos fondos dos Plans Turísticos de Sostibilidade en Destino (PSTD), aos que o Concello concurrirá, presentando un Plan propio no que se englobe unha batería de actuacións cos que posicionar a Marín como unha cidade con identidade turística.

Para identificar as principais ventás de oportunidade que ten a vila para crecer a nivel turístico, o Goberno local aproveitou os meses de verán para manter contacto estreito co sector privado e institucional e así detectar necesidades e ir trazando as actuacións que, finalmente, formarán parte da estratexia, á que o Concello asocia unha inversión necesaria de 2 millóns de euros.

Precisamente, a participación do sector na elaboración deste plan é un factor clave para o Goberno local, que convocou unha Mesa de Participación para o mércores 15 de setembro pola tarde na que a alcaldesa presentará as liñas mestras do Plan aos representantes do sector en Marín, para que poidan aportar a súa visión e mostrar o seu apoio a esta estratexia, que terá un desenvolvemento de varias anualidades, cun horizonte marcado no 2022-2024.

Marín: turismo slow, de proximidade e sostible

A situación estratéxica da nosa vila, en pleno corazón das Rías Baixas e cercana a núcleos de poboación de maior envergadura, como Pontevedra, Vigo ou Santiago de Compostela, permite que se poida posicionar como un destino de “escapada” ou de proximidade.

Precisamente, toda a estratexia xirará en torno a potenciar ese tipo de turismo de calidade, coñecido como o turismo slow en destino, que se contrapón ao modelo de turismo de masas e que se centra no patrimonio, a cultura, o ocio sostible, os espazos naturais e a gastronomía local.

Para iso, plantexarase a xeración de novos produtos e equipamentos turísticos, pero sempre tendo en conta a idea de terreo sostible, incorporando sen todo momento a dimensión ambiental en todas as accións do plan.

As actuacións que se incorporarán no plan articularanse en base a catro eixos: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Ramallo adiantou que despois da reunión que se manterá co sector, presentaranse as actuacións concretas do plan de xeito público a toda a cidadanía.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies