Contacto | Tel.:986 88 03 00

Marín prepárase para un novo San Miguel

O Parque Eguren acolleu esta mañá a presentación dos actos organizados polo Concello e o Ateneo Santa Cecilia co gallo da celebración do Día de San Miguel, o próximo 29 de setembro.

Buscando unha maneira de ampliar o coñecemento sobre as danzas blancas, haberá unha cita previa ao propio día de San Miguel, xa que a vila marinense acollerá unha demostración da Danza de Espadas e Danza de Pendas de Redondela.

A actuación será o día 27 de setembro ás 20.00 horas na Alameda de Rosalía de Castro. Previamente, haberá unha charla explicativa e divulgativa sobre a danza, que é unha fusión de dúas, procedentes de dous gremios diferentes: o Gremio de Mareantes e o de Panadeiras de Rendondela.

Programación

Xa o propio día de San Miguel, os actos darán comezo ás 10.45 horas, coa recepción oficial no salón de Plenos do Concello dos danzantes e das autoridades. A partir das 11.00, comezará o acto no que se entregarán as diversas distincións coas que o Ateneo premia a todas aquelas persoas relacionadas cunha das tradicións máis coñecidas da vila marinense.

Por un lado, distinguirase a Queta Molas “como agradecemento a todo o traballo que fixo pola conservación desta danza”, asegurou o presidente do Ateneo. Por outro, as Espadas de Prata, coas que se recoñece aos danzantes que levan máis de dez anos bailando, serán entregadas este ano ao antiguo alcalde de Marín, Francisco Veiga, e a Lucía Meca. Finalmente, os novos cofrades recibirán unha medalla.

Ás 12.00 horas, dará comezo no Templo Novo a misa, que será cantada polo Coro Cámara Thalassa e 45 minutos máis tarde, aproximadamente, iniciarase a procesión, que seguirá o percorrido habitual, co acompañamento da Danza, que será bailada en catro ubicacións: fronte á porta do Templo Novo, na Alameda, xunto ao Palco da Música; na Praza de España e na Praza do Reloxo, onde tamén se levaá a cabo a ofrenda floral. Como todos os anos, a danza será bailada polos tres grupos de danzantes: o de nenos, o de adultos e o de Meigas e Trasgos.

Exposición de fotos antigas

Por outra banda, desde o 1 ata o 12 de outubro, as instalacións do Ateneo Santa Cecilia acollerán unha exposición de fotos antigas da Danza de Espadas.

A mostra poderá visitarse no horario do Ateneo, é dicir, de martes a venres, de 18,00 a 20,30 horas, e os sábados de 11,00 a 13,00 horas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies