Marín unirase ao Plan de Axudas da Xunta ao sector da hostalaría e prepara o plan de inspección para as novas medidas

Marín unirase ao Plan de Axudas da Xunta ao sector da hostalaría e prepara o plan de inspección para as novas medidas

26 febreiro 2021

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, xunto coa edil Marián Sanmartín e os efectivos da Policía Local estivo traballando no Plan de Hostalaría Segura anunciado pola Xunta de Galicia e que xa está en vigor, despois da súa publicación no DOG este xoves e do inicio das novas medidas de restrición derivadas do nivel 2 no que se atopa o noso municipio.

Desde o Concello aseguran que se levará a cabo ese control rigoroso e estrito que recolle a normativa para o cumprimento da normativa, “porque estamos nun momento no que nos xogamos moito e no que temos que incidir nesta desescalada que ten que ser moi controlada”, asegurou a rexedora.

O Concello lembra que o máximo que poden poñer as terrazas son o 50% das súas mesas, cumprindo en todo momento coa distancia mínima entre elas e ocupándoas como máximo catro persoas.

A alcaldesa, que visitou hoxe de novo as carpas do cribado masivo que se estivo desenvolvendo na Praza de España desde o martes, asegura que Marín “aínda está nunha situación complexa, coa cuarta incidencia acumulada máis alta da área, polo que pregamos responsabilidade, especialmente de cara a este primeiro fin de semana de levantamento parcial das restricións”.

No que respecta á situación económica na que se atopa o sector, Ramallo adianta que Marín se sumará ao Plan de Axudas impulsado pola Xunta de Galicia, que aplicará a súa segunda fase. “Na primeira fase, este plan xa repartiu e ingresou 253.650 euros en 150 solicitudes da nosa vila”, informou a alcaldesa.

“Lamentamos que, de todos os xeitos, sigamos sen ter unha coordinación de todas as administracións”, di Ramallo, que desde o primeiro momento mostrou o seu apoio a que as liñas de axuda que vaian xurdindo de diversas fontes públicas se coordinen “porque gañaríamos en efectividade e rapidez na entrega, que é o que precisan agora máis ca nunca os hostaleiros e comerciantes”.

Precisamente, coa finalidade de escoitar ao sector e de artellar con eles de xeito colaborativo os seguintes pasos a dar, Ramallo e outros representantes do Goberno local manterán unha reunión o martes da semana que vén coa directiva de Hoempo, a asociación de hostaleiros que engloba a Pontevedra, Poio e Marín.

 

Medidas xa aplicadas: ampliación de terrazas a exención de taxas

Algunhas das medidas que xa se foron aplicando durante o pasado ano permiten que parte do traballo que se ten que facer agora sexa máis sinxelo. Desde a volta do confinamento, xunto cos técnicos municipais, establecéronse ampliacións do espazo dalgunhas terrazas cumprindo coas medidas sanitarias para diversificar o número de mesas e permitir que os locais que non tiñan terraza ou tiñan moi poucas mesas puideran facer fronte a esta situación.

En total, pasouse de 250 a 456 mesas autorizadas, que están debidamente identificadas cuns adhesivos que se lles facilitaron o ano pasado durante o verán e que levan impreso un QR, que redirixe á plataforma Marín en Rede, onde os locais poden subir a súa carta.

Así a todo, o Goberno local advirte que a colocación das mesas autorizadas a cada local “terán que cumprir estritamente o distanciamento de 1,5 metros entre as mesas. De non ser así, as inspeccións da Policía Local aplicarán a normativa vixente”.

Por outra banda, a este esforzo de ampliación, sumouse a medida de aplicar unha exención de toda a taxa de terrazas durante o 2020 e todo o 2021.

Anterior O Concello plantexa un proxecto de reforma integral na zona de Pedreiras

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados