#MarínEnRede, un espazo para a dinamización e a dixitalización da economía local

A crise sanitaria que estamos a atravesar por mor do COVID19 derivará nunha complicada situación financeira para a economía local de todo o noso país e, polo tanto, tamén para a de Marín.

O Concello estivo traballando estas últimas semanas nun Plan de Reactivación Local, que xira en torno a varios eixos de traballo. Un deles engloba ao comercio e á hostalaría, para as que se deseñaron unha serie de medidas económicas presentadas esta semana.

Paralelamente a este lote de medidas, o Concello presentou  a plataforma #MarínEnRede, un espazo co que dinamizar e dotar de maior visibilidade ao comercio local. Baixo esta marca, crearase un directorio online de todos os establecementos dos diversos sectores produtivos de Marín, “para conseguir englobar nun mesmo espazo ao noso comercio, posicionándoo na web”, explica a concelleira de Comercio, Cristina Acuña.

Este directorio atoparase na web www.marinenrede.com, que aínda está en construción, “pero temos previsto poder lanzala antes de mediados deste mes”. O que xa está habilitado tanto nesa URL como a través da propia páxina do Concello é o formulario a través do cal os negocios de Marín poden darse de alta no directorio.

Segundo explicou Acuña, o obxectivo deste formulario é dobre. “Por unha banda, queremos que os comercios pasen a formar parte do directorio e das campañas que se vaian articulando baixo esta marca, pero ademais queremos saber como é a súa situación actual, de xeito individualizado, ante a crise producida pola Covid19”.

Así, ademais dos datos xerais do negocio, os comerciantes e hostaleiros serán preguntados por como lles afectou o peche (no caso de que non fosen servizo esencial). Tamén serán preguntados sobre o seu interese en participar en campañas de dinamización e en formar parte dun futuro Market Place.

Asemade, nas próximas semanas o Concello seguirá mantendo contacto cos sectores comerciais e de hostalaría para continuar desenvolvendo accións enmarcadas nesta iniciativa e que redunden no beneficio da economía local de Marín.

Un futuro Market Place e formación dixital

E é que o horizonte a medio prazo do Marín En Rede abarca tamén a posibilidade de dotar á economía local de Marín “dun ecommerce no que poidan realiza venta online”. “Entendemos que é un avance necesario e por iso queremos tratar de articulalo desde o Concello, para que os comercios teñan esta ferramenta sen que teñan que facer unha inversión importante en desenvolvela por si mesmos”.

Esta tenda online sosterá tamén a tenda física, realizando accións omnicanal coas que axudar aos comerciantes a potenciar os seus negocios ante os distintos escenarios que se poidan producir.

Como complemento a este obxectivo, o Concello deseñará unha serie de formacións en competencias dixitais de diversos niveis dirixidas aos comerciantes, coa finalidade de que adopten as ferramentas necesarias para desenvolverse no universo online e potenciar os seus negocios.

Impulsar as redes sociais para #PoñerCara aos comerciantes

O que tamén ten o Concello xa en funcionamento son os dous perfís sociais da plataforma: un en Facebook (@marinenrede) e outro en Instagram (@marin.enrede). O que se buscará coa posta en marcha destas redes sociais é apoiar esa visibilidade do comercio, impulsando campañas que aumenten a fidelización da veciñanza de Marín cos seus comerciantes.

Unha das primeiras que se levará a cabo será a campaña #PonllesCara, na que se subirán imaxes e vídeos de comerciantes falando sobre o seu negocio, como creadores de emprego e de riqueza na nosa vila.

Ademais, publicarase un vídeo de apoio ao comercio local, para incentivar a compra nestes establecementos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies