Mayka Braña compartirá pantalla con representantes das distintas asociacións relacionadas co Entroido da vila para vivir telematicamente esta festa

05 febreiro 2021

Un Entroido diferente, telemático, estático, pero cheo de cor e de esperanza. Esa é a intención que ten este ano o Concello de Marín, que despois de xa ter cancelado hai tempo calquera tipo de actividade na rúa debido á situación sanitaria, comezou traballar nunha opción alternativa coa que poder facer máis levadeira desde a casa esta situación na que nos atopamos, mantendo os días de Entroido como un espazo sinalado no calendario.

Por iso, o Concello está a preparar pezas audiovisuais que formarán parte dun todo e que se irán publicando nas redes sociais e na canle de Youtube do Concello cada día desde o venres de Entroido ata o mércores de cinza, sumándolle o sábado no que tradicionalmente se celebraba o Entroido de Seixo e o domingo de piñata.

“Cada día, a veciñanza de Marín e calquera interesado no noso Entroido poderá gozar destes vídeos”, que se publicarán ao mediodía e que están pensados “para gozar desde a casa, en familia, tratando de sentir o Entroido aínda que teñan que ser dunha forma diferente”, expresou a concelleira.

Cada un dos vídeos contará coa participación de cada unha das asociacións que fan posible o noso Entroido: as comparsas e as batukadas de Os Paparrulos e Os da Caña, o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación de Amigos dos Rapaces, a Asociación Ronsel ou a Asociación do Bolo do Pote.

Como fío conductor de todas estas historias, convertida nunha auténtica mestra de cerimonias destes vídeos de Entroido, estará a actriz marinense Mayka Braña, que compartirá pantalla cos representantes dos colectivos.

Xunto á artista e ao deseñador da imaxe do Entroido, Luis Vilas, da empresa Tropa de K, a concelleira Sanmartín presentou o cartel, no marco da outra actividade que o Concello tiña preparada para este Entroido e que se verá posposta ata que a situación o permita.

Falamos dunha impresionante exposición que acolle o Museo Torres, na que as comparsas colocaron unha selección dalgúns dos seus traxes máis simbólicos dos anos que levan participando no Gran Desfile.

A colección supón unha explosión de cor e de brillos que permite apreciar ao visitante os pequenos detalles destas indumentarias que poden pasar máis desapercibidos no día do propio desfile.

Desde o Concello xa teñen pensado que esta exposición se manteña no Museo durante un tempo máis alá do Entroido para que, unha vez estas instalacións volvan abrir, sempre coas medidas sanitarias precisas, a veciñanza da vila poida vir gozar desta mostra única.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies