Contacto | Tel.:986 88 03 00

O ano 2020 terá nome propio en Marín: Manuel Torres

Manuel Torres é un nome propio en Marín, un embaixador da cultura pictórica e escultórica da vila marinense e protagonista do museo local, no que esta mañá se presentou o Ano Torres, un 2020 adicado a un dos maiores artistas marinenses para conmemorar o 25 aniversario do seu falecemento.
A alcaldesa, María Ramallo, e o pintor, Antón Sobral, acompañados tamén polas concelleiras Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez, foron os encargados de presentar esta iniciativa cultural esta mañá no Museo, na que se incluirán diversas actividades relacionadas ca figura de Torres, dirixidas tanto a público infantil e xuvenil como adulto.
“O mes clave será o de maio”, informou a alcaldesa, aínda que durante todo o ano haberá citas ineludibles. “Queremos visibilizar a Torres entre a xente de Marín pero tamén fóra”, asegurou Ramallo, un esforzo que aplaudiu Sobral na súa intervención: “O máis importante de todo isto é esa vontade política de facer deste museo un ente vivo, no que as coleccións vaian rotando e que poidan incluso saír da vila”.
Ramallo e Sobral agradeceron tamén a presenza dos familiares do pintor, tres xeracións que estiveron presentes durante a rolda de prensa. Sobral tamén quixo remarcar que o Ano Torres “suporá un comezo, pero non un final. Cando acabe o ano seguiremos traballando nesta importante labor de difusión”.
Colección permanente, unha nova vida
Unha das primeiras iniciativas en torno ao Ano Torres será a reorganización da colección permanente que foi doada polo pintor ao Museo que leva o seu nome, co obxectivo de “darlle máis visibilidade de cara ao visitante, para que teña unha visión máis xeral de toda a súa obra e as súas técnicas”.
Así, nestes momentos o recibidor do Museo expón as obras de estilo máis cubista do artista, un total de 8 cadros. Pola súa parte, a sala na que se presentou o Ano Torres é a sala de Torres e a Muller, da que penduran todos aqueles cadros nos que a presenza feminina é protagonista. As obras colocadas no corredor se corresponden ca temática mariñeira e de pesca. Finalmente, os gravados e os debuxos poden observarse na sala 3, a última do espazo museístico antes do salón de actos.
As salas 2, 4 e 5, reservadas para exposicións temporais, seguirán acollendo mostras de artistas tan prestixiosos como Bóveda, Villafinez, Ánxeles Iglesias, Pedrosa, Descamps, Gulías ou Sobral, que convivirán ca colección permanente de Manuel Torres.
En torno a Torres, o obxectivo durante o ano é o de programar exposicións temáticas, agrupadas segundo diferentes criterios, como por exemplo as diversas técnicas que cultivou o pintor, que supoñan un aliciente para os visitantes.

Manuel Torres, máis alá do Museo
As creacións de Manuel Torres tamén traspasan as paredes do museo de Marín e o Goberno local ten a intención de que a veciñanza coñeza en profundidade cal foi a pegada do artista nas rúas e prazas da vila: a súa casa, a farola da Praza de España, o busto de José Trasande…
Desta maneira, o Goberno local está a deseñar unha serie de roteiros turísticos pola localidade, de cara á época estival, cuxo percorrido inclúa todos estes puntos de interese. Un guía encargarase de ir explicando a vida e a obra de Torres en función dos enclaves que se incorporen ao trazado desta ruta.
A visibilidade da historia de Manuel Torres tamén se intensificará ca creación de material de apoio gráfico, como exposicións permanentes nos cubos do exterior no Parque Eguren ou na Alameda ou paneis informativos ca historia do Museo e a do artista.

Centros educativos e asociacións, un traballo común
O Concello de Marín ten por obxectivo que o Ano Torres sexa transversal e unha iniciativa na que se involucren tamén os centros educativos, as asociacións e outros actores sociais e culturais do municipio.
Algunhas como a EEI O Grupo ou a Asociación Céltica xa mantiveron encontros ca Concellaría de Cultura mostrando o seu interese por esta iniciativa e durante as próximas semanas seguirán manténdose reunións con outros colectivos.
Ademais, o Ano Torres quere ser unha oportunidade para crear novos vínculos con outras institucións museísticas que teñan nos seus fondos obras de Manuel Torres, para entablar un convenio de colaboración no que se poidan incluír préstamos temporais de cadros ou esculturas do artista de Marín.
Finalmente, está pensado que o “Pinta con…”, que consiste na creación dun caderno de debuxo que se distribúe polos centros educativos e que o ano pasado estivo adicado a Ánxeles Iglesias, será protagonizado nesta ocasión por Manuel Torres, ca fin de achegarlles aos máis pequenos a obra deste inolvidable creador.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies