O Concello adianta os pratos fortes das Festas do Carme

12 xuño 2021

Marín terá unhas Festas do Carme cheas de dinamización, de espectáculo e de seguridade. Desde hai semanas, a Concellaría de Festas vén traballando para artellar unha programación que xunta o espírito do ano pasado, con dinamización musical e de ocio de pequeno formato por varias prazas e rúas de Marín, coa posibilidade de facer eventos de maior envergadura seguindo os protocolos da Xunta de Galicia elaborados a tal efecto.

Dúas das localizacións que permiten maior aforo e capacidade de control e seguridade para realizar eventos, o aparcadoiro de Praza de España e o Parque Eguren, acollerán grandes citas nos días grandes das festas.

O xoves, 15 de xullo, haberá concerto do grupo Dvicio na Praza de España. Esta banda española de música pop latina formouse na cidade madrileña de Rivas-Vaciamadrid e ten na actualidade un enorme éxito polo seu traballo, o que lles levou a fichar pola compañía Sony Music en 2013. En 2014 saíu o seu primeiro sinxelo, Paraíso, que os catapultou á súa actual fama.

O Día do Carme, 16 de xullo, o Concello ten prevista unha actuación da Orquesta París de Noia, tamén no aparcadoiro da Praza de España, sempre e cando saia todo ben na proba piloto organizada pola Xunta de Galicia para o sábado próximo, na que actuará Marbella.

Finalmente, o sábado, 17 de xullo, a maxia da calidade máis alta chegará ao Parque Eguren da man de Pedro Volta. O ilusionista ten preparado un espectáculo que deixará ao público coa boca aberta, con trucos impresionantes que xa son marca da casa nas súas postas en escea.

Precaución e medidas

Desde o Concello reiteran que toda a programación das festas contará coas medidas sanitarias esixidas ata o momento e adaptándose sempre aos protocolos vixentes.

Tamén fan un chamamento ao civismo da veciñanza para manter a precaución, a pesar das boas cifras relativas á pandemia que hai no noso Concello, e sobre todo o máximo respecto cara as medidas, para garantir que toda esta programación poida levarse a cabo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies