O Concello adopta medidas adaptadas ás circunstancias para retomar pouco a pouco a actividade nos servizos municipais

O Concello adopta medidas adaptadas ás circunstancias para retomar pouco a pouco a actividade nos servizos municipais

Desde o inicio do estado de alarma pola pandemia da COVID19, o Concello de Marín adoptou medidas organizativas extraordinarias destinadas á redución da actividade presencial e dispuxo un funcionamento da actividade municipal de servizos mínimos, coa finalidade de protexer a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras e da cidadanía e conter a progresión da enfermidade.
Ante o proceso de desescalada que estamos a vivir e co fin de que o Concello recupere paulatinamente a súa normal actividade, publicouse unha resolución de Alcaldía pola que se adoptan as medidas organizativas necesarias para a adecuación do funcionamento dos servizos municipais ás circunstancias actuais.

1.- Servizos Municipais Externos
As brigadas municipais (Obras e Servizos, Electricidade, Augas, Parques e Xardíns, Cemiterios…) continuarán a funcionar mediante quendas semanais, permitindo a flexibilización horaria, de tal xeito que se reduzan ao mínimo as situacións de coincidencia dos diversos grupos de traballo.

2.- Servizos Municipais Administrativos e Atención á Cidadanía
Ademais de continuar prestándose os servizos nas medidas non presenciais, procederase nos próximos días á organización de quendas presenciais dentro das propias instalacións municipais por parte das xefaturas. Estas quendas serán diarias ou semanais e afectarán aos servizos de Rexistro de Entrada, Estatística (Padrón), Tesourería, Urbanismo, Secretaría, Intervención e Promoción do Emprego.
O horario de atención ao público de xeito presencial será de 10.00 a 13.00 horas, pero manterase a atención telefónica en horario de 09.00 a 14.00 horas. No caso de ser presencial, será obrigatorio contar cunha cita previa que se solicitará chamando ao teléfono do Concello (986 88 03 00).
En todo momento, controlarase o acceso das persoas ao interior, comprobando as citas previas e garantindo a distancia interpersoal recomendada como medida de prevención da saúde, como o resto de pautas de comportamento relacionadas coa hixiene e a redución do risco de contaxio.
No que respecta á Policía Local, Servizos Sociais, o CIM e o Departamento de Novas Tecnoloxías, continuarán coas quendas de traballo do persoal.

Medidas de prevención durante a xornada laboral
En todo momento, tanto o persoal municipal como a veciñanza que acuda ao Consistorio, deberán manter a distancia interpersoal mínima recomendable.
Ademais, dotarase a todo o persoal do material de protección adecuado ás actividades e traballos que desempeñan, especialmente luvas e mascarillas ou pantallas. Por outra banda, realizarase unha ventilación periódica nas instalacións diariamente e reforzaranse as tarefas de limpeza en todas as estancias, desinfectando dun xeito aínda máis intenso en zonas como os aseos, as salas de reunións e as áreas de acceso público.

Órganos colexiados
Hoxe ás 20.00 horas terá lugar o primeiro Pleno da Corporación presencial desde o inicio da pandemia. Realizarase con todas as medidas sanitarias esixidas, repartindo aos concelleiros dos diversos grupos tamén na bancada do público, coa finalidade de garantir a separación mínima entre persoas.
Ademais, tamén volven a celebrarse xa as Xuntas de Goberno local e as Comisións Informativas.

Anterior O CIM atendeu 224 consultas telemáticas durante o Estado de Alarma

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados