O Concello asenta as liñas de acción que vertebrarán a declaración institucional do 8M

29 xaneiro 2021

A conmemoración do 8 de Marzo en Marín quere ser unha data na que “reivindicar a loita histórica da muller por conseguir a igualdade plena e real, mellores condicións laborais, a erradicación da violencia de xénero, a defensa dos seus dereitos e a xustiza social”, tal e como se pode ler no inicio da declaración institucional preparada para os actos deste día.

Esta declaración, que é un documento integrador que pretende ser un clamor colectivo para reivindicar este día desde as institucións públicas da vila, consensúa as súas liñas xerais no Consello da Muller, no que están representadas as asociacións de mulleres ou con vocalía de muller do municipio.

Sobre esa base, o Concello, a través do Centro de Información á Muller (CIM), con ditas achegas, elabora un borrador da declaración, que despois é trasladado de novo aos colectivos do Consello, para a súa revisión e para que poidan realizar novas modificacións, das que se valora a súa inclusión no texto final.

O Concello lamenta que, despois de todos estes pasos, algunhas asociacións se desvinculen desta declaración institucional, que será levada ao Pleno para a súa aprobación definitiva.

A afectación da Covid19 nas mulleres e o sector da alimentación

A crise sanitaria está xerando un gran impacto económico, social e laboral a nivel xeral, pero especialmente nas mulleres, xa que agrava as brechas de xénero e ás desigualdades que xa existían antes da pandemia.

Ademais, nestes momentos de crise intensificouse o traballo e o esforzo dalgúns sectores concretos, como o das traballadoras que tiveron que estar en primeira liña nos servizos esenciais, como o persoal sanitario, de limpeza e o sector alimentario, cun alto grao de presenza feminina.

A esas traballadoras é ás que se quere facer unha especial mención neste 8M, así como ás consecuencias do impacto da Covid19, que en Marín deixa uns datos claros de cifras do paro, de 997 mulleres fronte a 717 homes.

No documento tamén hai mencións, máis alá desta situación concreta sanitaria, á realidade que viven as mulleres trans como consecuencia do machismo e da transfobia, estando excluídas do mercado laboral case o 80%.

A explotación sexual e os contidos que aparecen nos medios de comunicación e no sector dixital tamén precisan dunha perspectiva de xénero.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies