O Concello conmemora o 25N ca entrega dos Premios Lazo Violeta

O Salón de Plenos do Concello de Marín tinguiuse de morado para mostrar publicamente o rexeitamento de toda a sociedade marinense e das súas institucións e asociacións á violencia machista, unha lacra que segue tronzando as vidas das mulleres, ás que se recordou hoxe no acto institucional.
A alcaldesa, María Ramallo, foi a encargada de abrir o evento, que arrincou ás 13.00 horas, cun discurso no que quixo agradecer a presenza e a organización dos actos do 25N ás representantes do Consello da Muller, composto polas diversas asociacións de mulleres da vila.
Na súa intervención, Ramallo pediulles a todos os presentes e a todos os marinenses en xeral “a vosa participación activa contra a violencia machista, concienciando e sensibilizando sobre este problema ás persoas da vosa contorna. En definitiva, educando en igualdade”.
Celeste Garrido, unha das premiadas cos Lazo Violeta deste ano, foi a encargada del ler a declaración institucional, na que pediu “a mellora dos recursos que garantan unha calidade de vida e un futuro estable ás vítimas de violencia machista e aos fillos” e fixo un chamamento “a todos os homes, para que cambien a súa actitude de negación e cosificación da muller”.
A representante do CIM, Marián Sánchez, foi a encargada de ir anunciando aos gañadores dos Lazo Violeta, o primeiro dos cales foi recollido por Lois González, do Ateneo Santa Cecilia, recoñecido pola labor de difusión da calidade artística das mulleres novas que se realiza na súa exposición “Voilá la femme”. “No Ateneo sempre realizamos unha labor na que non se diferenciou aos homes das mulleres. De feito, xa levamos dúas presidentas da directiva na nosa historia”, sinalou González.
Pola súa parte, Celeste Garrido recibiu a segunda estatuíña e agradeceu ao Concello “por facer estes premios, que visibilizan o 25N. Para mín, é dos premios máis importantes do ano, e seguro que hai quen o merece máis, pero asegúrovos que non hai ninguén que o desexara tanto”, declarou a artista, visiblemente emocionada.
A emotividade do acto tamén quedou patente na entrega do terceiro premio á irmá de Isabel Carragal, á que o Consello da Muller quixo facer unha homenaxe póstuma pola súa loita por conseguir a invalidez polo cancro que sufriu.
“Existen moitos tipos de violencia e detrás das campañas de lazos rosas hai situacións familiares moi duras”, asegurou a irmá de Carragal.
Finalmente, gardouse un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista deste ano.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies