Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello e a Policía Local fan balance das accións de apoio realizadas nos centros educativos no inicio do curso escolar

A pandemia da Covid19 supuxo un enorme esforzo para a comunidade educativa, que tivo que adaptar o inicio do curso académico a todas as medidas sanitarias de prevención para evitar ao máximo posibles contaxios de coronavirus.

Coa finalidade de comprobar o funcionamento de protocolos nestes centros escolares e de axudalos en todo o que precisasen, a Policía Local, en constante coordinación co Concello, realizou visitas a todos os centros.

Centro por centro, os axentes foron velando pola seguridade da rapazada e tratando de resolver os problemas que puideron xurdir nos primeiros días de adaptación.

Algúns dos labores que se fixeron foron:

– Control de accesos e organización dos fluxos de movemento

– Axuda á sinalización, cedendo en ocasións material como conos ou cinta de balizar para delimitar espazos

– Seguemento de novos accesos habilitados (como o de IES Illa de Tambo) e coordinación cos equipos directivos para a realización de inspeccións de control do alumnado, velando polo cumprimento das medidas durante os recreos.

–  Regulación de novas alternativas de estacionamento, como a creada xunto ao CEIP Carballal, que permitiu gañar un novo espazo para patio no interior do centro, ao liberalo dos turismos do profesorado

– Mediación cando se dan queixas para trasladalas á dirección dos centros pertinentes

– Creación de plans específicos de tráfico, como o deseñado para a zona do CPR San Narciso e o IES Chan do Monte, concretando novos horarios de acceso dos autobuses, as limitacións de estacionamento e a adecuación da sinalización tanto horizontal como vertical

 

Programa Axente Titor

Por outra banda, a Policía Local, nas súas visitas aos centros, recordoulle ás directivas a existencia do programa Policía Titor, que ofrece axuda en casos de absentismo escolar ou de mediación educativa.

Segundo explicaron fontes da Policía Local, este programa xa está en activo desde hai meses, ten por obxectivo “tratar de contactar con aquelas familias nas que se da este problema co alumno ou coa alumna, coñecer o motivo deste absentismo e tratar de darlle unha solución para evitalo”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies