Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello facilitará o pago das débedas tributarias flexibilizando o fraccionamento e adelgazando as cargas burocráticas

A crise sanitaria da COVID19 deriva nunha importante problemática económica e social que conleva a necesidade de tomar medidas de axuda para facilitar o máximo posible á poboación os pagos e os gastos.

Con este obxectivo, o Goberno local flexibilizará as condicións para poder fraccionar os pagos dos impostos e das taxas municipais. Deste xeito, a través da modificación da ordenanza que regula o fraccionamento, proporanse catro grandes liñas de actuación:

  1. Reducir o importe mínimo da débeda a partir da cal se poden fraccionar os pagos
  2. Ampliar os prazos deses fraccionamentos en función do importe da débeda
  3. Reducir o proceso burocrático para aumentar a axilidade na solicitude dos mesmos
  4. Non aplicar intereses se as cotas fraccionadas non sobrepasan o exercicio anual

O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, expuxo na Comisión Informativa de Facenda desta semana a proposta de modificación da ordenanza para incluír estas medidas. Tal e como explica, “nestes momentos de contracción económica derivados da crise entendemos que as persoas poden ter maiores dificultades para atender os pagos dos impostos ou das taxas e por iso queremos facilitar o máximo posible o seu abono”.

 

Importe mínimo: de 150 a 60 euros

Deste xeito, se até o momento era preciso ter como mínimo unha débeda acumulada de, polo menos, 150 euros para solicitar o seu pago fraccionado, agora proponse reducir ese importe a 60 euros.

 

Ampliación dos prazos de pago

O fraccionamento, ademais, gozará con esa modificación dunha maior marxe temporal, que se miden en función da cantidade de débeda acumulada. Así, esta sería a comparativa entre os prazos actuais e os que propón a modificación da ordenanza:

  • O tramo actual de importe de entre 150 e 500 euros, que tiña un prazo de 4 meses, pasaría a ser de entre 60 e 300 euros, cun novo prazo de 6 meses
  • O tramo actual de importe de entre 500,01 e 1.000 euros, que tiña un prazo de 9 meses, pasaría a ser de entre 300,01 e 900 euros, cun novo prazo de 12 meses
  • O tramo de 1.000 euros en adiante, que tiña un prazo de 12 meses, pasaría a ser de 900 euros en adiante cun novo prazo de 18 meses

 

Menor carga burocrática, máis axilidade

Coa modificación da ordenanza, procurarase tamén reducir a carga de documentación acreditativa da situación financeira daquel que solicite o fraccionamento do pago dos impostos e das taxas, sempre tendo en conta a contía da débeda.

No caso daqueles que teñan menos de 300,01 euros, abondará con presentar unha declaración responsable da existencia desas dificultades económicas. Se a débeda vai de 300 a 900 euros, chegará con presentar unha declaración da renda do ano pasado ou un certificado de ingresos, a non ser que se lle dea permiso expreso ao Concello para consultar os datos en Facenda, co que tamén xa sería suficiente.

“Con todo isto queremos gañar en axilidade para que solicitar o fraccionamiento sexa práctico e sinxelo”, asegura Santos.

 

Sen intereses se non se supera o exercicio anual

A modificación da ordenanza tamén inclúe que aqueles que fraccionen o pago das súas débedas de impostos e taxas non se repercutirán impostos, sempre e cando os período de pago non supere o exercicio anual.

 

Un plan personalizado de pagos, máis pensado para as empresas

Por outra banda, a modificación da ordenanza contempla a incorporación dunha novidade: a creación un Plan Personalizado de Pagos, máis pensado para as empresas e que só afecta aos pagos dos impostos (non ás taxas).

Os negocios interesados neste plan deben solicitalo antes do 15 de xaneiro e recibirán nel o importa total de todos os impostos que teñen que pagar durante o ano. Ese cómputo do ano pagaríase fraccionado tamén.

A próxima semana a modificación da ordenanza irá ao Pleno da Corporación para a súa aprobación inicial. Despois estará exposto a nivel público e, de non presentarse alegacións, volvería a sesión plenaria para a súa aprobación definitiva

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies