O Concello segue traballando nas liñas de colaboración e apoio ás asociacións culturais

15 xaneiro 2021

A cultura é un piar fundamental do noso municipio. Se por algo se caracteriza Marín é pola súa grande pulsión cultural, cun tecido asociativo co que o Concello traballa intensamente para axudarlle no seu labor de difusión da nosa cultura.
Por iso, desde o Concello colabórase con estas entidades aportando inversións directas para axudar ás entidades a facer posibles os seus proxectos culturais propios: actividades, eventos, festivais, conferencias…
Desde a cesión de locais ata a asunción de todos os gastos de son, de iluminación, difusión e, nos casos nos que se solicita, cartelaría, o Concello axuda para reducir ao mínimo os gastos que poden repercutir nas propias entidades.
Exemplos deste tipo de actividades son o Festival de Airiños de San Xulián, na Romaría de Trompos os Pés ou no Memorial de Antonio Fernández dos Chaneiros, entre outros.
A estas axudas directas, súmase o Plan Cultural, que duplicou o seu orzamento no 2018 e que fixa coas asociacións musicais un número fixo de actuacións ao ano, de tal xeito que se mantén durante 12 meses unha actividade constante das agrupacións.
A isto é preciso engadir tamén que desde o 2011 o Concello ofrece locais para que todas as entidades culturais poidan levar a cabo os seus ensaios, reunións, conservación de material… sen ningún tipo de coste para as propias asociacións en canto ao mantemento ou os subministros.
No seu momento existía unha liña de subvencións que, sen embargo, non eran operativas para as entidades culturais, xa que ao ser asociacións sen ánimo de lucro tiñan necesidade de adiantar os gastos correspondentes ás súas actividades ata que chegase o pago desta axuda e moitas veces non tiñan capacidade para facelo. Ademais, había en ocasións problemas para xustificar de xeito concreto os gastos que podían ser subvencionables.

2020, un ano difícil para a cultura
O Concello, igual ca toda a cidadanía, é consciente do duro ano que pasou a cultura e dos meses que aínda seguirán sendo difíciles para este sector e para outros moitos.
“Por iso, desde o principio da pandemia estamos traballando da man das entidades para tratar de buscar alternativas ás actuacións e a outras actividades que este ano non poden realizarse, contando con elas en todo momento para apoialas naquelas iniciativas que si se poden levar a cabo”, explicou a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez.
De feito, no que respecta aos locais habilitados para os ensaios, tratouse de buscar alternativas para que as agrupacións puideran continuar con esta actividade pero cumprindo con todas as normativas. Exemplo desta foron as corais, que estiveron no Multiusos ou na Biblioteca, ou a Banda de Tambores e Cornetas, que desde o 9 de xaneiro tamén leva a cabo os seus ensaios os sábados na Finca de Briz.
Finalmente, a concelleira aclara que a cultura marinense “conta tamén con profesionais e autónomos que unicamente viven da súa actividade, aos que o Concello, tal e como acontece co comercio ou coa hostalaría, trata de axudar nesta crisis con actuacións como as realizadas coas charangas, magos e contacontos nas festas da Virxe do Carme ou de xeito telemático, como se fixo o Día do Libro e con diversas actividades do Ano Torres”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies