O Concello sorteará 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros para gastar nos comercios e locais de Marín

Este Nadal, máis ca nunca, debemos apoiar a nosa economía local e axudar á reactivación da nosa vila. Esa é a mensaxe que quere lanzar o Concello de Marín nestas festas, para as que vén de presentar unha campaña de incentivación directa do consumo nos establecementos e locais de Marín.

A campaña foi presentada esta mañá pola alcaldesa, María Ramallo, e as concelleiras de Comercio, Cristina Acuña, e de Festas, Marián Sanmartín e Raquel Soage. A iniciativa consistirá no sorteo de 100 tarxetas regalo, cada unha por valor de 50 euros, a consumir en calquera local comercial ou de hostalaría de Marín, a excepción dos supermercados e das farmacias, considerados como servizos esenciais que puideron manter de xeito constante a súa actividade a pesar das distintas restricións que se veñen impoñendo pola crise sanitaria.

BASES SORTEO TARXETAS REGALO

Para participar do sorteo, será preciso realizar compras en Marín superiores a 30 euros de gasto e poderá participar calquera persoa maior de idade. Esta promoción estará activa dende o 1 de decembro ata o 16 de xaneiro (ambos incluídos) e o día 18 ás 12.00 horas celebrarase o sorteo no Salón de Plenos do Concello.

Este gasto pode realizarse en distintos tickets e tamén en distintos establecementos. Cando remate o prazo para realizar o gasto, os participantes terán que grapar todos os tickets e poñerlle no reverso o seu nome e apelidos, o DNI e o teléfono e deixalos no buzón que se habilitará na Caseta da Oficina de Turismo da Praza de Espña.

As 100 tarxetas regalo poderán ser utilizadas desde a súa entrega ata o 27 de febreiro de 2021 de xeito exclusivo nos comercios, locais e negocios de Marín. A concelleira Sanmartín explicou que “con estas datas, axudamos a que a xente realice as súas compras de Nadal na nosa vila para así poder participar do sorteo e, despois, coas tarxetas regalo, axudamos a incentivar o consumo nos meses que xa tradicionalmente son malos para o sector”.

Tal e como explicaron as concelleiras, ao día seguinte da realización do sorteo, o 19 de xaneiro, publicarase a lista cos nomes das persoas premiadas na páxina web, nas redes sociais e no taboleiro de anuncios do Concello.

Ademais, as persoas agraciadas serán citadas telefonicamente para a recollida das Tarxetas Regalo na Oficina de Turismo. Esta recollida terá que levarse a cabo entre o 20 e o 21 de xaneiro, en horario de 10.00 a 20.00 horas e aportando o DNI para cotexar os datos.

Acuña, Soage e Sanmartín incidiron en que segundo resulte a campaña, non se descarta que se poidan repetir un formato similar para outras datas que sexan referentes dentro do ano comercial, coa finalidade de apoiar ao máximo a reactivación da economía local da vila.

“O máis importante desta campaña é concienciar á xente de que Marín precísanos a todos. Este é o ano de apoiar o noso, porque necesitámolo”, afirmou Sanmartín.

 

Avanzan as inscricións para o I Concurso de Decoración de Nadal

Por outra banda, xa comezan a rexistrarse as primeiras inscricións para participar do I Concurso de Decoración do Nadal do municipio, que naceu co obxecto de fomentar a participación cidadá no embelecemento e ornamentación da vila, facendo cómplices a comerciantes, hostalería e veciñanza da imaxe navideña de Marín.

Poderán participar no concurso vivendas unifamiliares, comunidades de propietarios de edificios, hostalería, comercios e/ou negocios que estean ubicados no termo municipal de Marín.

Para poder participar será necesario presentar a solicitude que se indica no Anexo I, que está dispoñible, co resto das bases, na páxina web do Concello.

A decoración deberá estar exposta dende o 11 de decembro de 2020 ata o día 7 de xaneiro de 2021.  Os adornos teñen que ser típicos de Nadal e a zona elexida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública.

Nesta ligazón aparece toda a información sobre as categorías e os premios: http://www.concellodemarin.es/marin-encherase-de-maxia-co-i-concurso-de-decoracion-de-nadal/

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies