Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Concello ultima unha campaña de concienciación de cara á limpeza dos ouriños dos cans

22 marzo 2021

Ter un Marín limpo é responsabilidade de todos e todas, especialmente cando falamos de convivencia cos nosos amigos de catro patas: os cans. Desde hai anos, o Concello realiza campañas de concienciación para trasladarlle á veciñanza a necesidade de ser responsable cos excrementos que os animais fan no espazo público.

Este ano, tal e como xa leva traballando o Concello desde hai varias semanas, a campaña estará dirixida de xeito especial á limpeza de ouriños na vía pública. E é que, “outras as campañas que vimos realizando sobre os excrementos deron o seu resultado e por iso agora queremos focalizar a mensaxe na limpeza dos ouriños, que tamén é importante e que consideramos que debe ser un hábito que forme parte do día a día da veciñanza”, explicou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín.

Por iso, repartiranse entre os donos e donas que teñan censados cans na localidade (ou a medida que se vaian censando) unhas botelliñas de plástico reutilizables que levarán serigrafiado o lema “Limpa o pisete nun periquete”, cunha ilustración, e que xa están en produción.

“Esperamos poder iniciar o reparto á volta de Semana Santa”, explicou a edil, que considera a campaña tamén unha oportunidade para lembrar a todos aqueles que teñen un can que deben telo rexistrado no censo municipal.

Segundo os datos extraídos do censo, nestes momentos hai rexistrados na vila 615 cans. Ter ao can rexistrado, así como os seus datos actualizados no censo, é obrigatorio. Para facelo, é imprescindible tamén que o can teña microchip, única forma legal de demostrar a súa propiedade en caso de perda ou roubo do animal.

Para rexistrar ao can, no caso de non telo no censo, por tanto, é preciso acudir primeiro ao veterinario para poñer o microchip ou solicitar a cartilla que verifica a súa existencia. Este documento ten que adxuntarse con outro que se atopa na web do Concello (http://www.concellodemarin.es/inscribir-can-no-censo-concello/solicitude-inscripcion-censo-animais-domesticos-2/).
Esta presentación pode realizarse de xeito telemático, a través da Sede Electrónica, como un rexistro xeral, ou de xeito presencial no edificio consistorial, pedindo cita previa.

Non se modificará a ordenanza
Sobre a proposta do Partido Socialista de modificar a ordenanza para incluír este punto, desde o Concello explican que non consideran preciso realizar este cambio no texto burocrático e que seguirán na liña de concienciación social que se foi levando ata o momento.
“Consideramos que as campañas de concienciación da cidadanía son o mellor xeito de pedir máis civismo e de que os donos dos cans se involucren na limpeza do espazo público con respecto aos excrementos dos cans, unha responsabilidade compartida e que agora queremos facer máis fácil e visible coas botelliñas que temos en camiño”, asegurou Sanmartín.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies