O Ecoparque de Marín reabre as súas portas o 30 de maio cun importante protocolo sanitario

O Ecoparque de Marín reabre as súas portas o 30 de maio cun importante protocolo sanitario

A época estival deste 2020 será diferente, por mor da situación epidemiolóxica que estamos a vivir e que obriga a extremar as precaucións á hora de realizar turismo. Así a todo, tanto na fase 1 na que nos atopamos  como na fase 2 na que entrará a nosa comunidade a partir do luns permiten a realización de actividades turísticas activas nas contornas naturais.
A nosa vila conta cun enorme catálogo de opcións para gozar dun turismo activo, seguro e de gran divertimento familiar. Unha desas opcións é o Ecoparque, que informou esta semana de que reabrirá as súas portas o próximo 30 de maio.
A instalación vén de presentar un importante protocolo sanitario para a súa volta á actividade, que comprendeu a instalación dunha pequena cabina de acceso, na que os usuarios poderán desinfectar as súas mans para acceder ao recinto, así como a colocación de expendedores de xel hidroalcohólico en diversos puntos estratéxicos.
Tamén foi adaptado o espazo da terraza, no que as mesas cumpren coas medidas de distancia mínima de 2 metros entre elas, e realizarase un control de aforo en todo momento, así como controis de temperatura aos que acudan ás instalacións para reducir ao máximo posible o risco de contaxio. Todo o persoal do parque conta, ademais, con equipos de protección individual para garantir a súa seguridade laboral.
A partir do 30 de maio, cando o Ecoparque entre de novo en funcionamento, será imprescindible pedir cita previa, a través dun email reservas@aventurariasbaixas.com ou dos teléfonos 986702056 e 692847622.

Anterior O Concello amplía en cerca dun 50% o número de terrazas autorizadas con respecto ao ano pasado para impulsar a actividade da hostalaría

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados