O Museo Torres inaugurará o venres a exposición “Historia dos símbolos de España”

O Museo Torres inaugurará o venres a exposición “Historia dos símbolos de España”

O Museo Manuel Torres de Marín acollerá desde o venres, 28 de febreiro, ate o 29 marzo, a mostra “Historia dos símbolos de España”, unha completísima exposición comisionada pola Asociación Retógenes (Amigos de la Historia Militar). O seu vicepresidente, Jesús Dolado, estivo acompañando hoxe ás concelleiras Itziar Álvarez e Marián Sanmartín no Museo, onde se están a levar a cabo os traballos de instalación desta mostra.

A asociación é propietaria de reconstrucións fidedignas e, en moitos casos, a tamaño real, de todas as bandeiras que forman parte da historia do noso país. Asemade, contan con bustos e miniaturas que realizan eles mesmos recreando a figuras históricas, ademais dunha importante colección de moedas e dun compendio de figuriñas de Playmobil customizadas, adaptadas cos traxes e cos símbolos propios de cada etapa histórica.

Con todo este material, o obxectivo que persegue a asociación é o de “poder mostrar a historia dos nosos símbolos, desmitificándoa e eliminando moitos dos mitos que se foron creando co paso do tempo e chegando a todo tipo de públicos”. Precisamente, as figuras de Playmobil están pensadas para os escolares, que acudirán á exposición cos centros educativos para coñecer máis sobre a Historia de España e sobre a evolución dos seus símbolos.

Pensando nos rapaces, pero tamén no público en xeral, a asociación apoia a mostra cun catálogo que explica todas as pezas que se poden observar, así como cun vídeo, que se proxectará no salón do Museo todas as mañás, ás 12.00 horas, e polas tardes ás 19.00 e ás 20.00 horas, para todos aqueles que teñan interese en coñecer máis a fondo o contido da exposición.

A idea desta mostra xurdiu no seo da asociación “o ano pasado, cando se celebrou o 175 aniversario da unificación da bandeira española”. Dende aquela, a mostra estivo de maneira itinerante en distintos museos do país. Agora, o obxectivo do colectivo é poder crear en Burgos o primeiro Museo da Bandeira de España, polo que Marín será o derradeiro sitio no que se poderá visitar esta exposición de maneira completa.

A inauguración da mostra será o venres, ás 19.00 horas no Museo Torres.

Anterior O Concello prepara a posta a punto dos areais marinenses

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados