Contacto | Tel.:986 88 03 00

O Nadal en Marín contará cunha intensa programación para todas as idades

A vila de Marín xa comeza a preparase para recibir unha das épocas máis fermosas do ano, as festas do Nadal, para as que o Concello preparou unha programación extensa, diversa e pensada para todos os públicos.
Segundo informou hoxe o Concello, o acendido da iluminación de Nadal será o xoves, 5 de decembro, ás 18.30 horas na Alameda. Practicamente toda a instalación está xa colocada, a falta de elementos decorativos que se irán incorporando nas próximas semanas.
A ornamentación lumínica, a base de bombiñas LED, conta con diversos deseños, como os arcos con estreliñas da Avenida de Ourense, as figuras estreladas que se colocarán no entorno das parroquias, os círculos que pendurarán en Jaime Janer ou as figuras de anxiños en Concepción Arenal ou na Rúa Estrada.
No Parque Eguren instalarase unha árbore navideña de 10 metros de alto tipo cono, recuberto cun tapiz de cor azul e con estrelas perfiladas, que contará cunha iluminación branca. No que respecta á Alameda, colocarase unha caixa de regalo cuxo interior será visitable. O Palco da Música tamén contará coa ornamentación típica destas festas.
O tradicional Belén estará ubicado na Praza da Capirota e se acenderá ese mesmo xoves 5 ás 18.40 horas, co acompañamento musical de Máis Cantos, que entoarán unhas panxoliñas. Finalmente, ás 19.00 horas, celebrarase a tradicional chocolatada popular na Rúa Fondo do Saco.

Dúas carpas cheas de actividades
Como xa é habitual nos últimos anos, o Concello colocará dúas carpas, unha no Parque Eguren e outra na Alameda, pensadas para distintos grupos de idade.
A da Alameda será a carpa “Engado Infantil”, un espazo de 400 metros cadrados no que haberá todo tipo de xogos e actividades gratuítas: ludoteca, parque multiaventura con colchonetas e tirolinas, camas elásticas, piscinas de bolas…
Esta carpa abrirá desde o 20 de decembro ata o 6 de xaneiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Pechará o 25 de decembro e o 1 de xaneiro.
“Engado Xuvenil” será o nome da carpa do Parque Eguren, pensada para a xuventude, que contará con 1.000 metros cadrados de extensión para gozar de tres zonas de ocio:
• De xogos, onde haberá billares, futbolines, dianas de dardos…
• Parque Aventura, que contará con elementos como piscinas de espuma, trampolíns e outros entretementos
• Scape room, con xogos de escapismo
Esta carpa será a que albergue tamén a recepción dos Reis Magos e o Belén Vivinte o día 5 de xaneiro. O seu horario será igual que o da Alameda, pero pechará o día 3 de xaneiro, para poder preparar o espazo para a chegada das Súas Maxestades.

Tren navideño e carrusel
Este Nadal, o tren estará de novo percorrendo o centro histórico da vila marinense, facendo rutas para que os que queiran poidan gozar dunha viaxe. Os centros educativos tamén coordinarán co Concello viaxes para o alumnado, baixo a iniciativa “Rutas de tren en Nadal”.
Pola súa parte, Estrela de Marín volverá colocar un carrusel na Alameda, que nestes últimos anos convertiuse nun gran atractivo para nenos e mozos.

Programación por días
Unha vez pasado o día do acendido das luces de Nadal, as actividades que haberá son as seguintes:
Do venres 6 a domingo 8 de decembro
V Torneo de fútbol “Tucho de la Torre”, no Estadio Municipal de San Pedro.
Martes, 10 de decembro
Comezo das Rutas de Tren de Nadal nos centros escolares de Infantil e Primaria.
Comezo das Visitas do Mago Paco e dunha axudante de Papá Noel aos centros escolares de Infantil e Primaria, organizadas por Estrela de Marín e o Concello de Marín.
Ás 20:00 horas, Partido Internacional de Fútbol Sala Feminino, España vs. Japón, no Pavillón da Raña.
Venres, 13 de decembro
Ás 16:45 horas, inauguración do mercadiño “Nadal Marín” na carpa da Alameda, organizado pola Asociación de Artesáns de Marín.
De 17:00 a 21:00 horas, celebración do “Mini Mercado de Nadal” na Alameda, organizado polas AMPAs de todos os centros educativos da vila marinense.
Ás 17.00 horas, recepción de Papá Noel no Palco da Música da Alameda, organizado por Estrela de Marín e o Concello de Marín
Ás 20:30 horas, Concerto de Nadal da Banda de Música da Escola Naval Militar no Multiusos da Praza de Abastos.

Sábado, 14 de decembro
Ás 18:00 horas, Concerto de Nadal da Banda de Música Musimarín, no Multiusos da Praza de Abastos.
Mércores, 18 de decembro
De 10.00 a 13.30 horas, exposición e venda de mobles, labores e artigos reciclados na zona acristalada do Multiusos da Praza de Abastos, organizada pola Asociación O Abeiro (ata o 7 de xaneiro).
Venres, 20 de decembro
Ás 17.00 horas, inauguración da carpa de actividades infantís “Engado Marín” na Alameda. Haberá actuación de zumba e do Coro da Escola Municipal de Música de Marín
Ás 17.30 horas, inauguración carpa de actividades xuvenís “Engado Marín” no Parque Eguren.
Ás 19.00 horas, sorteo de 3 cestas de Nadal no Palco da Alameda, organizado polas ONGs de Marín.
Sábado, 21 de decembro
Ás 19.00 horas, Concerto de Panxoliñas pola Coral Sociocomunitaria na Igrexa Vella.
Sábado, 21 e domingo, 22 de decembro
XII Edición Torneo Nadal de Baloncesto Concello de Marín, no Pavillón da Raña
Domingo, 22 de decembro
Fase Previa Seleccións Comarcais de Fútbol Sala no Pavillón da Raña, no CEP Sequelo e no San Narciso.
Ás 12.00 horas, “Papanoelada Moteira”, que fará o seu percorrido por Seixo, Pardavila e outras parroquias, finalizando na Alameda sobre as 14.00 horas. Organiza Moteros Solidarios Pontevedra.
Ás 19.00 horas, actuación do Coro Evanxélico de Marín coa cantata “Celebra el regalo de la Navidad” no Multiusos, organizada pola Asociación Kalos.
Martes, 24 de decembro, Noiteboa
Ás 16.45 horas, Papá Noel, acompañado dos seus elfos, percorrerá as rúas de Seixo repartindo caramelos. A partir das 18.00 horas, haberá recepción no Mercado de Seixo. Organiza ACEMAS e Concello de Marín.
Ás 18.30 horas, animación musical na Alameda.
Mércores, 25 de decembro, Día de Nadal
Ás 20.00 horas, baile de Nadal na Casa de Cultura de Seixo, ca actuación do Trío Innovación 2019. A entrada é libre ata completar aforo. Organiza o Concello de Marín e ACEMAS.

Venres, 27 de decembro
Ás 19.00 horas, inauguración da Mostra de Reis na Praza 8 de Marzo, organizada pola Asociación de Artesáns de Galaecia
Sábado, 28 de decembro
Ás 12.00 horas, Rancho de Reis polas rúas de Marín, organizado pola Asociación Pousos da Area.
Ás 19.00 horas, “Cine de Nadal” na Biblioteca Municipal, ca proxección da película “Coco”. Entrada libre ata completar aforo.
Sábado, 28 e domingo, 29 de decembro
Torneo Nadal Marín CF no Estadio Municipal de San Pedro
Domingo, 29 de decembro
Ás 19.00 horas, “… Y en la tierra paz”, un espectáculo de música, teatro e participación comunitaria no Multiusos. Organiza a Asociación Kalos.
XI Subida a Castro, V Andaina Maravillas e VII Concurso de Tortillas, no lugar de Castro.
Martes, 31 de decembro
• Ás 12.00 horas, Festa de Fin de Ano Infantil. Recreación das uvas do Nadal, na Alameda.
• Ás 18.30 horas, chocolatada con churros para a rapazada na carpa de artesáns da Alameda, coa visita do Apalpador.
Mércores, 1 de xaneiro
Ás 20.00 horas, Baile de Aninovo na Casa de Cultura de Seixo, ca actuación do Trío Innovación 2019. Entrada libre ata completar aforo. Organiza o Concello de Marín e ACEMAS.
Venres, 3 de xaneiro
Ás 18.00 horas, Contacontos e títeres na Casa da Cultura de Seixo. Entrada gratuita ara completar aforo. Organiza ACEMAS.
Sábado, 4 de xaneiro do 2020
Ás 18.00 horas, “Cine de Nadal”, no Cine Seixo. Entrada libre ata completar aforo. Organiza ACEMAS.
Ás 19.00 horas, “Cine de Nadal” na Biblioteca Municipal, ca proxección de “Dumbo”. Entrada libre ata completar aforo.
Domingo, 5 de xaneiro do 2020
Ás 12.00 horas, Carteiro Real e animación infantil na Alameda.
Ás 17.00 horas, Festival de Reis en Ardán, na Casa de Cultura de Carballido-Ardán.
Ás 18.00 horas, Gran Cabalgata de Reis co percorrido habitual. Ao rematar, Belén vivinte no Parque Eguren. Organizan Asociación Os da Caña e Concello de Marín.
Ás 21.00 horas, sorte dun xamón da Mostra de Reis na Praza 8 de Marzo, organizado pola Asociación de Artesáns Galaecia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies