Contacto | Tel.:986 88 03 00

O novo acceso do Cemiterio da Raña, que xa está habilitado, “supón unha mellora da mobilidade e da seguridade viaria”

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o edil de Urbanismo, Manuel Santos, visitaron o novo acceso peonil que se habilitou no Cemiterio de A Raña, o camposanto máis grande de Marín, e que agora conta con esta nova porta de entrada, dando resposta a unha importante demanda da veciñanza.

Con esta obra, que comezou a executarse por parte da empresa Viñas Blancas no mes de xullo, ábrese o exterior norte do cemiterio para evitar que os usuarios teñan que percorrer toda a costa anexa, cunha pendente do 13%, e que ademais non ten beirarrúas e é de dobre sentido.

“Era preciso abrir este novo acceso para así solucionar este problema de mobilidade que tiñamos  e tamén para resolver unha cuestión de seguridade viaria importante, que podía xerar situacións de perigo”, asegurou a alcaldesa durante a súa visita.

Por outra banda, tamén se actuou a nivel de harmonización coa paisaxe, xa que se mellorou todo o aspecto do muro lateral, que precisaba dunha renovación estética, dado que se atopaba castigado polo paso do tempo.

Ramallo e Santos fixeron unha valoración moi positiva desta actuación, que supuxo unha inversión de 40.801,07 euros, enmarcada no Plan Concellos. “Trátase dunha obra máis dentro do que é o mantemento deste espazo, tan visitado e con tanta carga emocional e simbólica para a nosa veciñanza”, apuntou a rexedora.

 

Bando para o Día de Defuntos

Precisamente, se hai unha data na que os cemiterios da vila rexistran un aumento da súa actividade é no Día de Defuntos. Como todos os anos, ante a chegada desta cita, o Concello acaba de publicar un bando con todas as indicacións e obrigas para que os cemiterios teñan unha boa presenza e ornato.

Este bando poderá consultarse na web do Concello, nos paneis de libre expresión e nos propios cemiterios e recolle as seguintes disposicións, nas que se lembra as pautas de comportamento que toda a veciñanza debe cumprir e respectar.

 

1.- LIMPIEZA E DECORO DAS EDIFICACIÓNS. As/os propietarios dos panteóns, procederán á limpeza dos terreos, sepulturas e nichos e ó pintado dos panteóns que non se atopen nas debidas condicións estéticas e de armonización co resto dos panteóns do entorno, sempre poñendo en coñecemento das actuación a levar a cabo ó persoal encargado do cemiterio.

 

2.-DISPENSA LICENZA DE OBRAS. Co obxecto de fomentar a limpeza e decoro dos cemiterios municipais, quedarán dispensados da respectiva licenza para este efecto, polo tanto das taxas correspondentes, sempre que estas sexan executadas entre o 1 de outubro e o 1 de novembro.

 

3.- HORARIO. A visita ó recinto poderá realizarse, respectando as normas establecidas ó efecto, durante o horario de apertura habitual, que os días 31 e 1 verase ampliado de 8.00 a 20.00 horas.

 

4.- NORMAS DE CONDUCTA. Dentro dos cemiterios municipais as/os usuarios e visitantes deberán manter en todo momento o respecto axeitado ós demais usuarios/as e visitantes así como ás características do recinto.

 

En todo caso, a celebración do Día de Defuntos será susceptible de ter medidas extraordinarias segundo sexa a situación sanitaria.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies